Turismo de Galicia continúa na súa aposta pola promoción da Comunidade galega como destino turístico a nivel internacional
Nesta semana, Turismo de Galicia participará na feira Fiets en Wandelbeurs, de Amberes, centrada no turismo de natureza, e no workshop de turismo de reunións The Meeting Space Spring, que se desenvolverá na cidade francesa de Cannes. Así mesmo, o organismo da Xunta de Galicia encargado da promoción turística da Comunidade galega, participará, por quinto ano consecutivo, na feira especializada en ornitoloxía, FIO. Turismo de Galicia participará entre os días 28 de febreiro e 1 de marzo no certame turístico Fiets en Wandelbeurs, dedicado fundamentalmente ao sendeirismo, á bicicleta e aos deportes de contacto coa natureza.
Neste certame, ademais o departamento de promoción turística da Xunta de Galicia difundirá tamén os valores do Camiño de Santiago e a oferta relacionada coa Ruta Xacobea.
Os visitantes que se achegan ao espazo galego nesta feira, que se celebra na cidade de Amberes, adoitan ser viaxeiros que planifican e organizan individualmente as súas vacacións, programando estadías de entre sete e quince días. Para facer estes percorridos o medio de transporte máis habitual escollido polos viaxeiros belgas é o vehículo propio.
En 2014, ano do que existen datos completos, rexistráronse en Galicia un total de 16.071 turistas procedentes de Bélxica, o que supuxo un 1,8% do total do turismo internacional recibido na nosa Comunidade durante esa anualidade. Estes turistas realizaron en Galicia un total de 27.700 pernoitas.
The Meeting Space Spring
Así mesmo, Turismo de Galicia participará entre os días 26 e 28 de febreiro na xuntanza de traballo The Meeting Space Spring, un dos principais foros de encontro entre provedores e destinos turísticos británicos, alemáns, rusos e dos países nórdicos especializados no mercado de turismo de negocios –congresos, convencións e reunións de empresa-.
Feira FIO
Polo que respecta á feira FIO, que se celebrará entre os días 27 de febreiro e 1 de marzo no Parque Nacional de Monfragüe en Cáceres, Turismo de Galicia instalará un espazo de promoción independente a través do que dará a coñecer a oferta galega relacionada coa ornitoloxía.
Recentemente, este departamento da Xunta creou o produto Turismo ornitolóxico de Galicia, no que se inclúen os principais espazos da Comunidade galega para o avistamento de aves, tanto na costa como no interior.
Precisamente, a difusión deste produto entre o público máis especializado de España será o obxectivo fundamental da presenza de Turismo de Galicia neste certame.