Trives, o lugar escollido por Juan Álvarez para presentar a súa primeira novela
- Aproveitando unha das súas estancias na Pena Folenche, fará a presentación literaria de “La sonrisa de la huida” este sábado 8 de agosto
Primeira novela de Juan Álvarez López, malabarista de metáforas, alquimista de reflexións e rockeiro empedernido. Unhas vacacións en solitario acábanse convertendo nunha sucesión de aventuras nas que o azar ou a casualidade levarán ao seu protagonista a situacións que nunca imaxinou…
Poderiamos encaixala nun novo xénero, road-rock-movie, pois estamos diante dunha historia con moita estrada, rock, amor e intrigas. Unha introspectiva visión da vida e a morte. O perigo e o sexo pasean xuntos da man pola cornixa da crúa realidade cos ollos vendados e os corazóns nun puño de tensión. Un feixe de sentimentos a flor de pel, enfundados no manto do romanticismo incrustado nas lastras de calquera rúa.
A presentación terá lugar o sábado 8 de agosto na Praza do Reloxo do Concello da Pobra de Trives ás 20:00 h. Intervirán, ademais de Juan Álvarez, unha persoa en representación do concello e a trivesa Fernanda Paz ‘amadriñando’ ao autor.
“La sonrisa de la huida”, la ‘road-rock-movie’ que deberías leer este verano
O AUTOR
Juan Álvarez López é un barcelonés que presume de sangue aragonés e galego pola herdanza xenética dos seus pais. Actualmente vive en Calzada de Calatrava (Castela A Mancha) pero sen perder nunca o contacto coa súa aldea vacacional, A Pena Folenche, na Pobra de Trives. A coñecida sentencia do poeta Rainer Maria Rilke, “A verdadeira patria do home é a infancia” podería aplicárselle a Juan sen ningún problema polo apego emocional que ten dende pequeno coas Terras de Trives.
O seu primeiro contacto coa escritura foi en Barcelona onde colaborou na publicación mensual galega “A micro pechado”. A partir de aquí a súa afección literaria foi a máis participando con artigos e entrevistas en diferentes medios musicais. Ten catro libros auto-editados: “Letrastadas” (2015), “Que cousas…” (2016), “Sala de start” (2017), “Ata aquí” (2019) e neste 2020 acaba de ver publicada a súa primeira novela: “La sonrisa de la huida”. Dende hai uns meses tamén se poden seguir as súas columnas de opinión no medio dixital www.creandotuprovincia.es
A OBRA
Iván é un mozo orfo que medrou entre orfanatos e centros de acollida. Curtido na universidade das rúas do barrio chinés e o gótico barcelonés, logrou chegar ao seu recentemente estreada trintena cunha estabilidade laboral para vivir sen luxos pero sen apuros. As súas amizades converteunas en algo máis: en lazos familiares. A súa paixón pola música e as súas incursións no mundo da filosofía, lévanlle en ocasións a abstraerse do mundo real e rememorar momentos pasados e ocultos da súa vida. Unhas vacacións en solitario, acábanse convertendo nunha sucesión de aventuras; nas que o azar ou a casualidade van levar a situacións que nunca imaxinou. Un coche prestado. Un enigma que esconde a toda unha organización criminal detrás… e esa facilidade para estar no sitio adecuado, pero no peor momento.