Tres importantes proxectos de mellora e peonalización para o casco histórico de Monforte

  • José Tomé Roca, alcalde de Monforte, comunicou en rolda de prensa celebrada na tarde de hoxe, importantes actuacións de mellora nas rúas Abelardo Baanante e Armando Cotarelo, así como na Praza do Doutor Goyanes
  • En concreto, suporá a mellora e peonalización de ambas rúas, da renovación integral da escalinata que conduce a Santo Domingo e á igrexa da Régoa, así como a mellora significativa do pavimento e da fisionomía da citada praza
  • En conxunto, as 3 actuacións que sairán a licitación nos vindeiros días, supoñen unha inversión total de case 225.000 euros, en concreto, 224.998,24 €

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou na tarde de hoxe 3 proxectos que suporán melloras significativas no casco histórico da cidade, en concreto na Praza de Dr. Goyanes e nas rúas Abelardo Baanante e Armando Cotarelo, que serán ambas peonalizadas.

“Trátase”, en verbas do Alcalde,

de tres actuacións certamente relevantes que suporán unha mellora significativa dentro do casco histórico da nosa cidade, e que non só significarán un embelecemento e renovación dos espazos existentes, senón tamén a conversión en peonil de dúas rúas emblemáticas de dito casco histórico.

Para elo, “contaremos cunha inversión que alcanzará practicamente os 225.000 euros, en concreto, 224.998,24 euros. En concreto, as obras en Abelardo Baanante suporán 95.515,20 euros, as de Armando Cotarelo, 42.569,02 euros, e a mellora da praza de Dr. Goyanes suporá 86.914,02 euros de investimento”, precisou o rexedor municipal. A licitación destas tres obras de mellora terá lugar nos vindeiros días.

ABELARDO BAANANTE: Eliminación de barreiras arquitectónicas, renovación do pavimento e peonalización

A rúa Abelardo Baanante esténdese dende o entronque coa rúa Comercio e a Praza do Dr. Goyanes ata a súa confluencia coa rúa Santo Domingo, dando acceso á igrexa da Régoa e tamén ó colexio Torre de Lemos. A rúa obedece a un trazado de marcado orixe medieval como vía de comunicación da fortaleza coa ponte vella que cruza o río Cabe. Crese que foi unha vía na que se aposentaron na Idade Media familias de orixe xudía e por ela mesmo podería discurrir unha variante do Camiño de Inverno.

As condicións de deterioro do pavimento desta rúa fixeron que o Equipo de Goberno do Concello considerara necesario acometer obras nela obras de mellora que suporán a renovación do seu pavimento actual de cemento por un novo de granito, a adaptación da súa contorna e a eliminación de diversas barreiras arquitectónicas que actualmente presenta.

Ademais, con estas actuacións de mellora, procederase á peonalización da rúa, logo do informe favorable da Policía Local, e á renovación das escaleiras que levan ata a igrexa da Régoa.

Ademais, o Alcalde sinalou que “aproveitaremos para gravar nunha das lousas de dita rúa Abelardo Baanante o nome de Consuelo Alonso, persoa que o Concello homenaxeou recentemente por ser represaliada inxustamente durante a Guerra Civil”.

Polas súas condicións dimensionais, polo tipo de construcións que a definen e pola súa importancia como vía de acceso á fortaleza e burgo medieval, as obras desenvolveranse con especial sensibilidade, coidando a elección dos materiais empregados na pavimentación, os sistemas de drenaxe das augas pluviais e o encontro coas edificacións, boa parte delas por baixo da rasante actual da rúa.

Trátase ademais dunha rúa cunha marcada vocación peonil polas súas limitacións dimensionais e por acabar formando un fondo de saco, xa que no seu extremo oeste acaba nunha escalinata de 55 chanzos ata conectarse coa rúa Santo Domingo e a contorna inmediata á igrexa da Régoa. Deste xeito, dende o Equipo de Goberno decidiuse acometer as actuacións encamiñadas a peonalizar dita rúa e renovar totalmente a mencionada escaleira.

Obxectivos

  • Mellorar as condicións de tránsito da vía.
  • Eliminar as barreiras arquitectónicas existentes onde sexa posible no pavimento e dotar de continuidade ao itinerario peonil conforme ao vixente código de accesibilidade.
  • A utilización de materiais acordes co carácter histórico da rúa e a súa consideración de BIC dentro do casco Histórico de Monforte.

Proceso construtivo

Previa retirada de sinais de tráfico e pivotes existentes, e dun poste de madeira que soporta un tendido de cables, do que deberá darse conta á compañía propietaria, procederase ó levantamento da pavimentación existente por medios mecánicos e manuais, tendo especial coidado de non danar as instalacións que están no subsolo.

A efectos de valoración do levantamento do pavimento existente e baleirado para a execución da obra nova, levarase a cabo un espesor medio de escavación de 45 cm. Baixo a soleira de 20 cm de espesor, correspondente ás zonas con tránsito rodado, prevese unha capa de zahorra compactada de 10 cm.

Manterase especial coidado na reposición no novo pavimento da multiplicidade de chaves, arquetas de rexistro, tomas de rego, imbornales, pozos etc., que existen. Para iso, na súa recolocación buscaranse paralelismos e referencias con relación a elementos visualmente máis potentes que xustifiquen a súa colocación.

Materiais de construción

Utilizarase para a construción da banda da calzada unha soleira armada de formigón de 20 cm de espesor, sobre a que se colocarán losas escuadradas de granito Silvestre abuxardado, de 10 cm de espesor.

Este pavimento de pedra organízase mediante un eixe lonxitudinal formado por pezas de pedra de 40 x 80 cm, lixeiramente rebaixado con relación ao resto do pavimento de maneira que cumpra unha función de canle central da calzada que desagua en imbornales en treitos definidos nos planos. Este rebaixe da pedra central estímase en 2 cm. Este desnivel de 2 cm no encontro da canle central co resto do pavimento debe quedar suavizado cun achafranado das pezas.

Como pezas de separación entre pavimentos de pedra e de confinamento das canaletas colocaranse pezas de granito Grissal. No entronque coa rúa do Comercio dispoñerase unha banda de granito Grissal de pezas escuadradas de 0.40 x 0,80 e 3 bandas de pezas escuadradas de granito Silvestre. Neste espazo dispoñerase unha losa singular de 0,80 m x 0,80 m de 10 cm de espesor de granito Grissal, co mesmo acabado superficial que o resto da rúa.

Os peldaños de escaleira serán de nova execución, cunha sección de 34 x 15 cm, colocaranse sobre os existentes para o que, dado que os existentes varían na súa dimensión de tabica, prevese unha partida de adecuación e preparación previa para recibir o novo peldañeado. Este estará formado por peldaños dunha soa peza nos dous primeiros tramos, xa que todos miden ó redor de 3,10 m e cada peldaño montará sobre o precedente 3 cm. O resto do peldañeado haberá de colocarse en dúas pezas cuxas lonxitudes definir de acordo coa contrata para colocar a matacorte.

Tamén se levará a cabo a retirada, rehabilitación, recrecido e recolocación da barandilla de pedra existente. Para o recrecido dispoñerase dunha peza de granito Grissal abuxardada, de 15 cm de altura colocada sobre o zanquín existente.

O investimento previsto para esta obra é de 95.515,20 €.

ARMANDO COTARELO: Eliminación de barreiras, reordenación, renovación do pavimento e peonalización

O Alcalde anunciou a continuación as obras de reordenación, renovación do pavimento e peonalización da rúa Armando Cotarelo, rúa situada na trama urbana da cidade entre a rúa do Comercio e a rúa das Hortas, e que posúe un trazado angosto cun ensanche na zona central, e cun tipo de edificacións de marcado carácter, propio e moi representativo do modo de vivir desa época antiga de Monforte.

O Alcalde destacou  que “na metade do seu percorrido, existe unha pequena praciña moi visitada por situarse fronte a ela unha edificación que posúe o récord de ser a casa con menor fronte de fachada. E tamén se ubica nesta rúa o museo Lodeiro, e o hotel Comercio, futura sede do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e tamén da Oficina do Peregrino”, motivos que xustifican tamén a peonalización e renovación desta rúa.

É, en consecuencia, un vial no que as actuacións que se leven a cabo serán feitas con especial sensibilidade, coidado a elección dos materiais empregados na pavimentación e a súa disposición. Ademais, trátase dunha rúa cunha marcada vocación peonil polas súas limitacións dimensionais.

Dende o Equipo de Goberno do Concello, decidimos proceder á mellora do seu pavimento, que actualmente conta con importantes deficiencias, e tamén á súa peonalización, dada a súa situación próxima ó río, á ponte medieval, á praza do Dr. Goyanes e rúa do Comercio, que conforman unha zona de marcado carácter turístico e moi transitada. Coma no caso da rúa anterior, a nova pavimentación tamén será de granito.

Precisou Tomé Roca.

Obxectivos

  • Mellorar as condicións de tránsito da vía independizando nos tramos que pola súa anchura sexa posible, o tráfico rodado do peonil.
  • Eliminar as barreiras arquitectónicas existentes no pavimento e dotar de continuidade ó itinerario peonil conforme ó vixente código de accesibilidade.
  • Dotar de elementos disuasorios ou que impidan o aparcadoiro non autorizado.
  • A utilización de materiais acordes co carácter histórico da rúa e a súa consideración de BIC dentro do casco Histórico de Monforte.

Proceso construtivo

Previa retirada de sinais de tráfico existentes, que se repoñerán ao finalizar as obras, procederase ó levantamento da pavimentación existente por medios mecánicos e manuais, tendo especial coidado de non danar as instalacións que están no subsuelo.

A efectos de valoración do levantamento do pavimento existente e baleirado para a execución da obra nova, levarase a cabo un espesor medio de excavación de 45 cm. Baixo a soleira de 20 cm de espesor, prevese a colocación dunha capa de zahorra compactada de 10 cm.

Manterase especial coidado na reposición no novo pavimento da multiplicidade de chaves, arquetas de rexistro, tomas de rego, imbornales, pozos etc., que existen. Para iso, na súa recolocación buscaranse paralelismos e referencias con relación a elementos visualmente máis potentes que xustifiquen a súa colocación.

Materiais de construción

O pavimento será rebaixado da zona de tráfico rodado en redución desde 8 cm na zona máis alta ata morrer a 0 cm no final coincidindo ambas rasantes. Nesta zona elevada dispoñeranse tres árbores de porte mediano e dous bancos.

Sobre esta liña elevada dispoñeranse bolardos convenientemente dispostos cada 2,50 m que impidan o estacionamiento de vehículos.

O investimento para estas obras de mellora e peonalización na rúa Armando Cotarelo será de 42.569,02 €

PRAZA DO DR. GOYANES: Eliminación de barreiras, reordenación e renovación do pavimento

As obras que acometerá o Concello na praza do Dr Goyanes suporán a renovación do seu pavimento, dado que se trata dunha praza singular na trama urbana da cidade, que articula as rúas do Comercio, Dr. Casares, o Malecón, a rúa das Hortas, a Ponte Vella, Armando Cotarelo e Abelardo Baanante, estando unida en total a 6 rúas.

“A praza do Dr. Goyanes é o resultado dunha intervención relativamente recente ó construírse a principios do século pasado o hotel Comercio, un dos escasos edificios singulares que se construíron en Monforte naqueles anos. Ademais, a praza tivo sempre un marcado carácter comercial xa que nela asentábase o primitivo mercado e sufriu unha importante modificación coa apertura do Malecón” describiu o Alcalde.

Polas súas condicións dimensionais, polo tipo de construcións que a definen e pola súa importancia como espazo de repouso dentro da trama urbana da cidade anterior ós anos 50 do pasado século, é un espazo urbano no que debe intervirse con especial sensibilidade, coidado a elección dos materiais empregados na pavimentación os sistemas de drenaxe das augas pluviais e o encontro coas edificacións e viais existentes. É ademais un espazo cunha marcada vocación peonil.

Así, o Alcalde precisou que “as obras que se levarán a cabo, buscarán devolverlle o carácter de pequena praza recuperando a continuidade da rasante sen desniveis nin muros ou escaleiras que rompan a súa continuidade. Para conseguir isto, faise preciso levantar o actual pavimento para xerar esta nova topografía que queremos acadar para a praza, quedando totalmente diáfana, semellante á Praza de España, e humanizándoa, coa colocación tamén de diversos bancos e árbores”.

Obxectivos

  • Mellorar as condicións de estancia no ámbito da praza.
  • Eliminar as barreiras arquitectónicas existentes no pavimento e dotar de continuidade ao itinerario peonil conforme ó vixente código de accesibilidade.
  • A utilización de materiais acordes co carácter histórico da praza e a súa consideración de BIC dentro do casco Histórico de Monforte.

Proceso construtivo

Previa retirada de sinais de tráfico e pivotes existentes, procederase á demolición dos muretes existentes e ó levantamiento da pavimentación existente por medios mecánicos e manuais, tendo especial coidado de non danar as instalacións que están no subsuelo.

A efectos de valoración do levantamento do pavimento existente e baleirado para a execución da obra nova, levarase a cabo un espesor medio de escavación de 45 cm. Baixo a soleira de 20 cm de espesor, correspondente ás zonas con tránsito rodado, prevese unha capa de zahorra compactada de 10 cm.

Manterase especial coidado na reposición no novo pavimento da multiplicidade de chaves, arquetas de rexistro, tomas de rego, imbornales, pozos etc. que existen. Para iso, na súa recolocación buscaranse paralelismos e referencias con relación a elementos visualmente máis potentes que xustifiquen a súa colocación.

Materiais de construción

Utilizarase unha soleira armada de formigón, de 20 cm de espesor, sobre a que se colocarán losas escuadradas de granito Silvestre abuxardado, de 10 cm de espesor. Este pavimento de pedra organízase significando as direccións determinadas pola fachada lateral do antigo Hotel Comercio e a fachada á praza do edificio colindante.

O orzamento para o desenvolvemento da mesma será de 86.914,02 €.

 

“Con estes novos proxectos que acabo de presentar”, concluíu o Alcalde,

creo que melloraremos significativamente esta área próxima á Ponte Medieval e no corazón histórico da cidade, ademais de incrementar o número de rúas peatonais do centro urbán, favorecendo a calidade de vida dos nosos cidadáns. En conxunto, as 3 actuacións que veño de comentar e que sairán a licitación nos vindeiros días, suporán unha inversión total de case 225.000 euros, en concreto, 224.998,24 €. E en definitiva, dende o Equipo de Goberno, continuamos co desenvolvemento do programa de mellora de infrastruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas e que vou cumprindo, tal como anunciamos. 

También te podría gustar...