Tres hospitais de Lugo aforrarán 1,2 millóns co uso de biomasa

Bionergia

A implantación dos plans de eficiencia enerxética e do Proxecto Ecohospital, para incorporar a biomasa forestal como fonte de enerxía, permitirá que os hospitais comarcais de Monforte de Lemos e A Costa (Burela), así como o de Calde, aforren nos vindeiros dez anos un total de 1.295.000 euros.

Ademais, eses tres hospitais, coa substitución do gasóleo como fonte de enerxía por biomasa forestal, reducirán en 1.560 t/ano as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Sobre esta iniciativa falaron hoxe os conselleiros de Sanidade e de Economía e Industria, Rocío Mosquera e Francisco Conde, respectivamente, durante a visita que realizaron para coñecer as instalacións da nova caldeira de biomasa do hospital Comarcal de Monforte.

A titular de Sanidade explicou que o consumo de biomasa neses tres centros médicos que dependen da Xunta de Galicia se estima nunhas 1.500 toneladas ao ano e, potencialmente, levará asociado a creación duns catorce postos de traballo e a limpeza de máis de 830 hectáreas de monte.

Grazas a esta medida, insistiu, pásase dun «modelo tradicional de subministración de combustible fósil» a un sistema que usa combustibles renovables como a biomasa.

O obxectivo é substituír o consumo anual de 550.000 litros ao ano de gasóleo por esas 1.500 toneladas de biomasa, o que permitirá un aforro na factura polo consumo de enerxía de 30%.

EFE.

También te podría gustar...