Tres empresas presentan oferta para a redacción do proxecto do novo aparcadoiro integrado na estación intermodal

  • Tres empresas presentan as súas ofertas para a redacción do proxecto do novo aparcadoiro integrado na estación intermodal de Ourense
  • Este contrato consta dun importe de case 91.000 euros e dun prazo de execución de 6 meses
  • O aparcadoiro deberá ofrecer aproximadamente 300 prazas, para o que será conveniente a execución en dous niveis
  • Este aparcadoiro supón unha actuación complementaria á construción dunha terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril na cidade de Ourense, cuxo proxecto básico está moi avanzado
  • O Goberno galego aposta pola intermodalidade para fomentar o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado e acadar unha mobilidade máis sustentable na Comunidade

 

Tres empresas presentaron as súas ofertas para o servizo de redacción do proxecto básico e de execución do novo aparcadoiro para turismos integrado na estación intermodal de Ourense. Este contrato da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, cun importe de case 91.000 euros e cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, dispón dun prazo de execución de 6 meses.

O proxecto deste aparcadoiro recolle a dotación dunhas 300 prazas, para o que será conveniente a execución das citadas instalacións en dous niveis.

O aparcadoiro supón unha actuación complementaria á construción dunha terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril na cidade de Ourense, en cuxo proxecto construtivo está a traballar o Goberno galego, tendo moi avanzado o proxecto básico.

A execución da intermodal de Ourense ten como obxectivo achegar a estación de autobuses a unha situación máis céntrica e facilitar o intercambio de viaxeiros entre modos de transporte. A estación de autobuses contará con 19 dársenas e un edificio terminal duns 430 m2, ademais, a superficie total chegará a 5.800 m2 e, tanto a terminal, como as dársenas se construirían ao nivel da rúa.

O Goberno galego aposta pola intermodalidade para fomentar o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado e acadar unha mobilidade máis sustentable na Comunidade.

También te podría gustar...