“Trátase dunha marca específica que permitirá trasladar a imaxe de innovación, de calidade e de diferenciación das nosas augas minerais e termais”, Francisco Conce
- A Xunta e o Clúster da Auga Mineral e Termal impulsan a internacionalización do sector cun novo selo que identificará a calidade do produto
- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, firmou un convenio de colaboración con esta entidade que agrupa a 11 empresas de envasado de auga mineral e 21 balnearios
- O acordo tamén inclúe o desenvolvemento da aplicación para teléfono móbil Terras da Auga a través do sistema operativo Android
- Conde sinala que se trata dun sector estratéxico polo seu valor cultural e patrimonial e polo seu peso no desenvolvemento turístico e económico da comunidade galega
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asinou en Lugo co presidente do Clúster do Auga Mineral e Termal de Galicia, Antonio Garaloces, o convenio de colaboración que permitirá impulsar a internacionalización deste sector que, como recordou o conselleiro, é un dos principais referentes na comunidade galega, tanto a nivel turístico como económico.
Conde salientou a importancia deste sector que crea 1.400 empregos directos en Galicia e a necesidade de seguir impulsando a súa internacionalización e posicionamento no mercado a través da colaboración pública e privada co obxectivo de continuar potenciando o sector turístico.
O acordo inclúe o desenvolvemento de dúas accións nas que a innovación xogará un papel estratéxico. Así, o Clúster, coa colaboración da Xunta, creará e implantará a marca Auga de Galicia, un selo que identificará a calidade do produto e que poderá ser empregado por todas as entidades de envasado de auga mineral -na comunidade galega son 11 empresas- e polos 21 balnearios existentes en Galicia.
“Trátase dunha marca específica que permitirá trasladar a imaxe de innovación, de calidade e de diferenciación das nosas augas minerais e termais”, apuntou.
A segunda iniciativa que porán en marcha entre ambas institucións será o desenvolvemento da aplicación para teléfono móbil, Terras da Auga, a través do sistema operativo Android que será de acceso gratuíto para todo o público e na que se poderá consultar a localización dos mananciais de auga mineral e dos balnearios, así como dos perímetros de protección dos acuíferos existentes en Galicia, tal e como xa se viña producindo a través do sistema IOS, que tamén se actualizará.
Neste sentido, estas novas propostas facilitarán o posicionamento das empresas do sector nos principais mercados, impulsando a imaxe de calidade, sustentabilidade e innovación do sector a nivel internacional. Neste sentido, Conde sinalou que a importancia deste convenio radica en que se trata dun recurso estratéxico para Galicia tanto polo seu valor cultural e patrimonial, con máis de 300 mananciais, como polo peso que ten no desenvolvemento presente e de futuro do turismo e da economía galega, o que se traduce na creación de postos de traballo cualificados.
“É unha colaboración para que o sector siga sendo un referente do noso patrimonio, sega creando emprego e crecendo cara a internacionalización”, destacou.