Transparencia, perspectivas de futuro e competencias das deputacións centran os temas da “III Xornada sobre o futuro das provincias”

Organizada pola Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, o evento analiza o papel dos gobernos locais intermedios

Manuel Baltar defendeu “unha visión integral de provincia”, a máxima da “asistencia e cooperación cos concellos” e o “redimensionamento competencial”

Baltar avanzou que coa transformación que se está a producir “máis que falar do “futuro das provincias” falarase das “provincias do futuro”, e nesa vangarda está e estará Ourense”

Josep Llobet e Manuel Baltar 

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe na inauguración da “III Xornada sobre o futuro das provincias” “a necesidade de traballar cunha visión integral de provincia e coa máxima da asistencia e cooperación cos concellos, para que a xestión das deputacións sexa o máis eficaz e eficiente posible”.

 

Baltar dixo que estamos nunha etapa de “redimensionamento competencial” “na que temos que avogar por unha administración, unha competencia e un financiamento, pero tamén debemos achegar á cidadanía o traballo que facemos coa máxima transparencia para que se coñeza perfectamente todo o que as deputacións fan polos municipios e os cidadáns”. O presidente provincial avanzou que coa transformación que se está a producir “máis que falar do “futuro das provincias” falarase das “provincias do futuro”, e nesa vangarda está e estará Ourense”.

 

Sen embargo, Baltar subliñou que unha das eivas máis importantes que existe na actualidade no que atinxe ás deputacións é de carácter electoral debido a que os cidadáns non poden elixir directamente aos seus deputados provinciais, algo que Baltar leva años solicitando que se modifique, “unha anomalía que se corrixirá máis cedo que tarde”, afirmou.

 

Manuel Baltar defendeu a “fusión de servizos” para optimizar as economías dos concellos e dixo que a importancia das deputacións radica en que esta administración “ofrece servizos e desenvolve iniciativas que ninguén faría”, entre os que citou como exemplo a recollida de lixo (con 50 concellos adscritos a este servizo) e a recadación de tributos (51 concellos adscritos), “ao que temos que engadir o Plan “Ourense, á provincia termal” ou a tramitación da solicitude de declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade”.

 

No ámbito da Transparencia, Baltar destacou que a Deputación de Ourense foi a primeira en implantar un Código Ético e unha Ordenanza de Transparencia, xunto con outras medidas como a ordenanza de subvencións que limita ao 20% as subvencións nominativas, ou a ordenanza en materia de contratación. Todo elo, dixo, unido aos avances tecnolóxicos como a APP móbil da Deputación de Ourense para que os cidadáns interactúen ao instante co ente provincial, e a que será a “Carta de Servizos” da Deputación, que se presentará proximamente.

 

A xornada, que conta coa presenza de alcaldes, secretarios e técnicos da Administración Local ademais de público en xeral, analiza en relatorios e debates as competencias provinciais e as estratexias de Transparencia e “goberno aberto” dos gobernos locais intermedios. Está organizada pola Deputación de Ourense e a Fundación Democracia e Goberno Local, o think tank (laboratorio de ideas) máis importante do municipalismo español, integrada por 23 dos 45 gobernos locais intermedios de España, cuxo xerente, José Luis Moreno, tamén asiste ao evento.

 

Equilibrio territorial

 

A xornada, unha iniciativa que forma parte do Plan Ourense 92, ten como obxectivo analizar o papel fundamental que xogan as deputacións para facer efectivo o principio de equilibrio territorial e racionalizar e facer máis eficaz a organización dos servizos públicos, especialmente no que atinxe aos gobernos locais intermedios. Asemade, este foro avoga por un modelo de cooperación local que axude a redimensionar as tarefas dos concellos e demais entes locais, e tamén se analiza a nova Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local e de cuestións competenciais.

 

Manuel Baltar afirmou que as deputacións “son as primeiras interesadas en falar da xestión provincial e por iso teñen razón de ser estas xornadas que van xa pola súa terceira edición. Tamén organizamos na Deputación de Ourense en 2014 a primeira Conferencia nacional de presidentes de gobernos provinciais, e nesta ocasión organizamos esta xornada xunto coa Fundación Democracia e Goberno Local, da que forma parte a Deputación de Ourense como membro da súa Comisión Permanente”.

 

Xunto a Manuel Baltar, no acto inaugural estivo Josep Llobet Navarro, deputado delegado da Deputación de Barcelona para as Relacións coa Fundación Democracia e Gobierno Local. O primeiro dos relatorios, sobre “A provincia na Constitución española de 1978. Perspectivas de futuro”, foi ofrecido por Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, ao que seguiu o relatorio sobre “As competencias provinciais”, a cargo de Tomás Quintana López, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de León. Asemade, o relatorio que aborda as “Estratexias provinciais de “Goberno Aberto”. Transparencia”, foi ofrecido por Diana Santiago Iglesias, doutora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, tralo cal tivo lugar un debate entre os asistentes.

También te podría gustar...