Traballo destina máis dun millón de euros para a integración das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaO Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde pola que se convocan para o ano 2015 os incentivos para a creación ou ampliación do cadro de persoal fixo nos 114 centros especiais de emprego existentes na Comunidade e as subvencións ás súas unidades de apoio á actividade profesional, que contan cun orzamento de 1,09 millóns de euros http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150817/AnuncioCA05-100815-0001_gl.html

A esta orde hai que engadir o orzamento destinado á subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais para o período do 1 de xullo de 2015 ata o 30 de xuño de 2016, dentro do ‘Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego’. Esta orde prevé un orzamento de 7,5 millóns de euros.

Esta orde ten por finalidade promover a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de Galicia, que dan emprego a preto de 2.000 persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas: o de creación ou ampliación do cadro de persoal fixo ocupado por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego; e o de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego.

O primeiro ten por obxecto fomentar a creación de novos centros especias de emprego, así como a ampliación e o mantemento do emprego nos que xa existen mediante o financiamento parcial de iniciativas ou proxectos técnica, económica e financeiramente viables que xeren emprego, preferentemente estable, para traballadores e traballadoras con discapacidade. Tamén recolle as subvencións excepcionais para saneamento financeiro e equilibrio orzamentario para favorecer a viabilidade e supervivencia destes centros. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 30 de setembro.

O segundo promove a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos centros especiais de emprego financiando parcialmente o custo dos profesionais das unidades de apoio á actividade profesional. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a contar desde mañá, polo que remata o 17 de setembro.

Esta iniciativa encádrase no esforzo da Xunta por acadar unha integración plena das persoas con discapacidade, no que o acceso ao emprego é un elemento decisivo. Para iso, a Consellería de Traballo e Benestar establece accións específicas para a inserción deste colectivo, así como para a súa permanencia no mercado laboral.

Así, a Consellería só en 2015 incrementou nun 2 por cento o orzamento dos programas de emprego para as persoas con discapacidade ata preto dos 18 millóns de euros. Aproximadamente, a metade está destinado aos centros especiais de emprego e permite subvencionar o posto laboral dos 2.000 traballadores e traballadoras con discapacidade.

También te podría gustar...