‘Ton y Son’, moito máis que discos e instrumentos musicais
- As apostas por programacións culturais e musicais de pequeno formato fixeron posible que esta empresa do Barco aguantase o parón que provocou a pandemia no sector
- “Ser unha empresa con equipos pequenos foi beneficioso porque no verán tivemos moito traballo”, comenta Jorge Álvarez, o seu xerente
Jorge Álvarez Delgado é un barquense que mamou a música dende pequeno pois con 8 anos estaba matriculado xa no Conservatorio de Música do Barco e tocando a guitarra. Despois foi completando a súa formación tendo no seu haber estudos de Técnico Superior de Son, un Postgrao Técnico de Espectáculos en Vigo e o título de experto universitario en Xestión Cultural.
Tras vivir en diferentes lugares da xeografía galega e en Madrid, volveu á súa vila para iniciar unha nova etapa. Neste novo capítulo da súa vida foi no que, tras detectar nicho de mercado no negocio dos instrumentos e na loxística musical, montou “Ton y Son”. O que comezou sendo unha tenda de instrumentos converteuse nunha marca de referencia en Valdeorras e contorna para dotar de solucións técnicas e loxística a concellos, empresas e particulares na organización de eventos e espectáculos de todo tipo.
Falamos con Jorge máis polo miúdo.
Como xorde a idea de abrir ‘Ton y Son’?
No 2008 estaba traballando en TVE en Madrid, despois quedei no paro e seguín traballando na Sala Baranda do Barco onde xa levaba un tempo. Foi aí cando empecei a madurar a idea da tenda de música. Como músico, eu mesmo notaba a carencia dunha tenda de instrumentos e son na zona, onde poder mercar recambio para “os meus trastos”. E así foi como en xullo de 2009 Ton y Son abriu as portas por primeira vez.
Ton y Son abriu as súas portas no Barco no ano 2009
Ademais de vender instrumentos musicais tamén ofreces solucións para a organización de eventos. Cóntanos.
Si, eu abrín nun momento complicado, en pleno 2009 coa famosa crise que nos caeu enriba, á que lle podemos sumar a subida das tendas online, sobre todo no sector da música no que o mercado online está moi axustado. E ao final, non tiven máis remedio que adaptarme aos tempos e ás circunstancias así que a tenda foi ampliando servizos para converternos no que somos hoxe, unha empresa que cubrimos moitas solucións relacionadas co mundo dos eventos e a cultura, no que a tenda física como tal xa é só unha pequena parte do negocio.
A venda, sobre todo de CD’s e algo irrisorio nunha poboación como o Barco
Sobreviven compradores de discos, libros e camisolas ou o mercado actual reduciuse a catro románticos/as?
Igual en vez de catro románticos poden ser oito (risas). Pero si, realmente a venda, sobre todo de CD’s e algo irrisorio nunha poboación como o Barco. Pensa que as novas xeracións practicamente non conciben o acto de comprar un disco, é algo o que, tristemente, non lle atopan sentido. Si quedan clientes de toda a vida que compran os seus discos favoritos regularmente ou puntuais para regalos de aniversarios ou Nadal, pero desgraciadamente, son os que menos. Camisetas de merchandising vendemos moi pouco tamén, si funcionan moi ben as marcas de “camisetas divertidas galegas” iso sigue vendéndose como o primeiro día que as trouxen no 2009.
Algunha anécdota digna de lembrar relacionada con encargos e compras que tiveches?
Podes crer que non se me ocorre nada interesante…
Como estás vivindo, como empresa e como músico, estes tempos tan difíciles?
Como músico imaxínate… coa miña banda non tocamos practicamente nada este verán. Eu non vivo dos meus concertos, non son un músico profesional, pero si teño moitos compañeiros que o son e están pasando un momento moi moi complicado. Temos que convencernos de que a cultura é segura, que simplemente fai falta o famoso sentidiño para poder facer eventos seguros para todos e que os músicos poidan seguir traballando. E xa non só músicos: técnicos, managers, chóferes, backliners… hai moita xente detrás que “non se ve” e que tamén vive do sector.
Temos que convencernos de que a cultura é segura, que simplemente fai falta o famoso sentidiño para poder facer eventos seguros para todos e que os músicos poidan seguir traballando
Por outro lado, eu na empresa non me podo queixar, foron momentos moi complicados na primavera onde nos estaban cancelando traballos día si e día tamén. A miña compañeira Vanesa e mais eu fartámonos de tachar datas no calendario. Con todo, cando se empezou a levantar o confinamento empezaron a xurdir traballos “alternativos” aos que tiñamos contratados inicialmente. Realmente ser unha empresa con equipos pequenos foi beneficioso neste caso porque ao final do verán tivemos moito traballo, máis do que pensamos. A produción do ciclo Terrasón, cine ao aire libre en varios concellos de Valdeorras, e outras cousas pequenas… con todo “salvamos os mobles”. Moi agradecidos aos nosos clientes por contar con nós e apostar por actividades culturais nestes tempos.
Falando do Ciclo ‘Terrason 2020’ do Barco este verán. Cóntanos a experiencia dende a dificultade de organizalo e a resposta de músicos e público.
A iniciativa xorde dende a Concellaría de Cultura do Concello do Barco, a min Margarida, a Concelleira, pediume asesoramento na produción artística e técnica do ciclo. As dificultades foron cadrar datas e ubicacións, ao ser tantos artistas era complexo organizar axendas. Polo demais, o balance pola miña parte é moi positivo, o público apoiou o ciclo cunha moi boa asistencia en practicamente todos os concertos, e ademais, mostrando un comportamento exemplar, situados nas cadeiras, coa máscara posta, botando o xel hidroalcohólico… en fin, coas medidas obrigatorias neste momento. Os músicos quedaron todos moi contentos, moitos nunca estiveran no Barco e marcharon encantados. É unha época moi complicada para ese sector e de feito moitos dos músicos que pasaron polo ciclo dedícanse á música de maneira profesional, así que agradecidos por contar con eles, claro.
Los Íñigos estivemos un pouco desaparecidos este verán… tíñamos uns cantos concertos programados que finalmente foron cancelándose un tras outro
Xa para rematar, como lle foi a ‘Los Íñigos’ este verán?
Pois Los Íñigos estivemos un pouco desaparecidos este verán… de maneira forzosa, claro. Presentábase un ano moi bo, tocando a primeiros de ano na cea de empresa de Pescanova en Vigo e no carnaval de piñata en Ponferrada. E tíñamos uns cantos concertos programados que finalmente foron cancelándose un tras outro. Realmente eran festas/eventos que tiñan moi complicado cumprir as esixencias que marcaban dende a Consellería de Sanidade e que non lles quedou mais remedio que cancelar. O único que se mantivo foi o do pasado Luns 14, que era un concerto enmarcado no ciclo Terrasón e que finalmente houbo que cambiar a data para ese día grande das festas do Cristo. E bueno… unha pasada, inda estamos emocionados. A xente respondeu moito mellor do que pensabamos, quedou moita xente fóra da carpa por falta de aforo e a xente tratounos con moito agarimo. Estamos moi moi agradecidos.