Toca que nos vexan
- Campaña para visibilizar a discapacidade orgánica
- COGAMI e COCEMFE avogan polo recoñecemento social da discapacidade orgánica como paso necesario para a inclusión social e a garantía plena de dereitos
COGAMI xunto é entidade da que forma parte, COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica), poñen en marcha a campaña Invisibles baixo o lema Toca que nos vexan co obxectivo de visibilizar a discapacidade orgánica e denunciar as diferentes discriminacións ás que teñen que facer fronte as persoas con este tipo de discapacidade día a día.
A discapacidade orgánica é unha das grandes esquecidas, moitas veces incluso as propias persoas non son conscientes de que teñen este tipo de discapacidade. Isto adoita pasar pola cantidade de patoloxías crónicas e sintomatoloxía que a provocan, polo descoñecemento de moitas persoas profesionais do eido sanitario e sociosanitario e, sobre todo, por non ver á persoa como un conxunto e avaliala separadamente
, indica Laura Quintas, coordinadora da Comisión Sociosanitaria de COGAMI.
A falta de coñecemento e comprensión impacta de xeito directo na atención sanitaria e sociosanitaria á que recorren as persoas con discapacidade orgánica, así como o acceso ao mantemento do seu posto de traballo ou nas oportunidades educativas e formativas. Ademais, tamén impacta nas opcións de lecer e deporte, nas relacións interpersoais ou no acceso a medidas de protección social, como o certificado de discapacidade.
Dende COGAMI e COCEMFE deféndese que a acción e o compromiso das administracións e da sociedade no seu conxunto é vital para lograr eliminar barreiras como mellorar o acceso a servizos sociais e sanitarios, lograr unha cobertura equitativa e de proximidade dos apoios e espazos accesibles e inclusivos.
Para Quintas “a falta de recoñecemento social e das administracións é un dos principais problemas. É preciso que estas persoas accedan ao certificado de discapacidade para poder acceder aos recursos sanitarios e sociais e tamén a outras medidas de protección que precisan. Sen recoñecemento non hai igualdade de oportunidades”.
A campaña Invisibles ten por obxectivo coñecer a realidade das persoas con discapacidade orgánica e en particular das mulleres e nenas con discapacidade que teñen que facer fronte a unha discriminación interseccional que lles impide vivir as súas vidas en igualdade de condicións.
Que é a discapacidade orgánica
A discapacidade orgánica provén dunha perda na funcionalidade nun ou varios sistemas corporais (órganos ou fallos sistemáticos), producida usualmente polo desenvolvemento de condicións de saúde crónicas que dan lugar a afectacións na súa maioría perceptibles de maneira directa.
O curso interno, moitas veces inestable e impredecible de tales afectacións, como a dor, brotes ou estados de fatiga, non adoitan ser recoñecidos ou comprendidos como parte da experiencia que viven as persoas con discapacidade. Tampouco a constante atención ao tratamento e coidados diarios que interfiren e condicionan permanentemente os proxectos de vida.