«Termalismo e Calidade de Vida»: O I Congreso internacional da auga reúne en Ourense a 200 expertos
- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, dixo na inauguración que orgullo, cooperación e futuro «son as tres palabras que resumen un evento como este no que a investigación e a divulgación son protagonistas para poñer en valor un elemento característico da nosa provincia: a auga».
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe no acto de inauguración do «I Congreso internacional da auga» que orgullo, cooperación e futuro «son as tres palabras que resumen un evento como este no que a investigación e a divulgación son protagonistas para poñer en valor un elemento característico da nosa provincia: a auga». O presidente do goberno provincial destacou o escenario no que se enmarca o congreso, Expourense, «un proxecto consolidado que acolle importantes eventos internacionais, como o que estes días celebraremos, «Termatalia», pero tamén é importante subliñar a estreita cooperación que a Deputación e o Campus de Ourense vimos mantendo e que se singulariza na especialización do Campus da Auga», colaboración pola cal agradeceu o traballo que realiza neste sentido o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
Manuel Baltar tamén se referiu ao pulo de competitividade que suporá o desenvolvemento do Plan «Ourense, a provincia termal», tendo como motor a capital ourensá, afirmando que o termalismo «é un eixo estratéxico de futuro», e engadiu que eventos como este congreso –do que a Deputación de Ourense é co-organizadora- «contribúen a relanzarnos nacional e internacionalmente».
Baltar salientou o orgullo que supón para Ourense a posta en marcha do Campus da Auga como «unha vía de diferenciación e especialización» e a importancia da cooperación pública e privada para o futuro deste proxecto e do termalismo.
O acto contou asemade coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; do vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, e do director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.
Precisamente, co obxectivo de contribuír desde o eido académico e investigador a dar pulo e soporte ao futuro do sector da auga o I Congreso Internacional da Auga e o I Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida celébrase hoxe e mañá, organizado no marco das actividades do Campus da Auga. Reúne a 200 congresistas de once países co obxectivo de visibilizar o seu traballo no eido da auga, intercambiar coñecementos e abrir novas vías de colaboración.
O congreso celébrase vinculado a Termatalia, a 15ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, e leva por título «Termalismo e Calidade de Vida».
O programa do congreso comezou hoxe coa celebración dunha sesión plenaria sobre políticas públicas en termalismo que contou, entre outras intervencións, coa do alcalde de Ourense e de Nava Castro, directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, que destacou como «o turismo termal é un dos baluartes da comunidade galega, a terra da auga» e puxo en cifras e proxectos esta aposta estratéxica polo termalismo.
Con esta mesa deu comezou un amplo programa que conta con 50 comunicacións, ademais de pósters, e que aborda un abano moi amplo de temáticas arredor de catro eixes, que son as augas mineromedicinais e termais; o patrimonio e a arquitectura termal; o turismo experiencial e de saúde, e a investigación xeral sobre a auga. Para abordar estas cuestións, á cita asisten expertos de Francia, Italia, Brasil, Arxentina, Estados Unidos, Portugal, Reino Unido, Ecuador, México, Finlandia e España. Avalando a calidade do evento, o congreso ten un comité científico, liderado polo docente Moncho Gómez Gesteira, formado por 22 persoas pertencentes a doce universidades e entidades científicas de diferentes países.
O papel dos investigadores da Universidade de Vigo neste evento é moi destacado, achegando 17 comunicacións, un obradoiro e once pósters de temáticas moi diversas. Entre os participantes, Elisa Alén, docente da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, foi a encargada na segunda sesión plenaria de falar de termalismo sénior, tendo en conta que son as persoas maiores os principais usuarios destes servizos de benestar.