Terceira Semana Escolar das Letras Galegas

  • O evento, promovido e organizado pola Deputación de Ourense, chega este ano a máis de 8.200 escolares e profesores de 65 centros de ensino da provincia de Ourense
  • Nesta edición edítase a publicación Augas e literatura na ourensanía, que recolle unha escolma de 13 autores ourensáns, tendo a auga como fío condutor, como esencia e orixe de Galicia
  • Manuel Baltar anunciou que este ano a Deputación de Ourense realizará actividades para pór en valor a figura da escritora ourensá Filomena Dato, da que se conmemoran os 160 anos do seu nacemento
Mercedes Pacheco, Manuel Baltar e Llerena Perozo

Mercedes Pacheco, Manuel Baltar e Llerena Perozo

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe, no acto de presentación da 3ª Semana Escolar das Letras Galegas, «a necesidade de seguir potenciando e promovendo a nosa lingua, o maior tesouro dos galegos, que debe estar en constante proceso de mocidade, renacendo todos os días». Por elo, afirmou o presidente do goberno provincial, «ten a súa razón de ser a Semana Escolar das Letras Galegas, que organiza a Deputación de Ourense como homenaxe ao noso idioma, para que os máis novos sigan a mantelo vivo, e para promover aos autores máis representativos da nosa literatura e, sinaladamente, a aqueles da nosa provincia».

A «3ª Semana Escolar das Letras Galegas» chega a 8.290 escolares e profesores de 65 centros de ensino da provincia de Ourense. Nesta edición editouse a publicación Augas e literatura na ourensanía, que recolle unha escolma de 13 autores ourensáns, tendo a auga como fío condutor, como esencia e orixe de Galicia.

Manuel Baltar anunciou, asemade, que este ano a Deputación de Ourense realizará actividades para pór en valor a figura da escritora ourensá Filomena Dato, «da que se conmemoran os 160 anos do seu nacemento», unha autora «da que é necesario promover a súa obra», explicou a editora da antoloxía Augas e literatura na ourensanía, Mercedes Pacheco, quen destacou que Filomena Dato e as irmás Pura e Dora Vázquez «son as mulleres que figuran na escolma, xunto con outros 10 narradores e poetas ourensáns».

O manual Augas e literatura na ourensanía é unha antoloxía que conta cunha biografía de cada autor, un retrato de cada un deles (obra de Suso Cubeiro), e unha escolma de textos que este ano versan sobre as augas de Ourense.

A coordinadora da actividade, Llerena Perozo, explicou que a Semana das Letras Galegas desenvolverase en centros escolares da provincia de Ourense ata o vindeiro 16 de maio, cun programa que inclúe propostas de traballo recollidas nunha guía do profesorado, con pautas para utilizar a antoloxía. Os alumnos aos que vai dirixida son estudantes de Secundaria e do último curso de Primaria, explicou Llerena Perozo, quen engadiu, que o obxectivo é que o material «contribúa ao currículo académico, con contidos centrados na realidade das letras da provincia de Ourense, e que sexa tamén unha ferramenta de dinamización do traballo cultural nas aulas».

También te podría gustar...