Tempo de campamentos xuveniles
- Cen mozos e mozas participan no campamento xuvenil Penedos de Xacinto que organiza a Xunta no concello ourensán de Entrimo
- A delegada territorial, Marisol Díaz, visitou onte os participantes da última quenda deste campamento que en total oferta 400 prazas nos meses de xullo e agosto
- Durante once días desenvolveron actividades de teatro e aventura, que van desde ensaios de dramatización ata técnicas de circo
- No total galego, en toda a Campaña de verán tomarán parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior
Na campaña de verán organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social, este ano na provincia de Ourense ofértanse un total de 715 prazas en campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos. As instalacións nas que se desenvolverán os campamentos son o centro de educación ambiental Equal en Coles; o complexo turístico O Corgo, en Muíños; a estación de montaña de Manzaneda; a residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, na capital da provincia e o o campamento Penedos de Xacinto en Entrimo.
Precisamente, esta última instalación foi visitada onte pola delegada territorial da Xunta en Ourense. Trátase dun campamento de montaña, cunha capacidade de 100 prazas en tendas de campaña. A instalación dispón de pista polideportiva, salón de actividades, rocódromo, anfiteatro, alpendre cuberto e piscina.
Nesta quenda, na instalación están 100 mozos e mozas de entre 9 e 13 anos que participan no campamento ‘Teatro e aventura na natureza’, que conta con actividades de dramatización, expresión corporal, ensaios e propostas teatrais ou técnicas de circo como malabares e habilidades de equilibrio. Para o total do verán, en Penedos de Xacinto foron convocadas 400 prazas, 300 en campamentos organizados directamente pola administración autonómica e 100 por entidades a través da oferta concertada.
Campaña de verán
A provincia de Ourense acolle este ano un total de 960 prazas, 80 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen nas actividades de conciliación estival e de ocio educativo da campaña de verán, que organiza a Xunta de Galicia.
En total, en toda a campaña de verán tomarán parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior. O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades. Grazas a esta iniciativa, favorécese ademais a contratación de máis de 900 monitores e directores de campamentos.