Teatro infantil e familiar no Multiusos de Monforte con Proxecto Noee de Sarabela Teatro
- O Concello de Monforte continúa co seu ciclo de teatro, e programa para hoxe sábado 31 de outubro unha obra dirixida ó público infantil e familiar no Edificio Multiusos a partir das 18:00 h.
- A entrada é gratuíta e todos os asistentes deberán seguir as indicacións do protocolo específico de seguridade e hixiene ante o Covid-19 co que conta o Concello para as representacións teatrais no Multiusos
O Concello de Monforte continúa adiante co ciclo de teatro previsto para o último trimestre do ano 2020, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.
Deste xeito, hoxe sábado 31 de outubro ás 18:00 h no Edificio Multiusos terá lugar unha cita co teatro para público infantil e familiar dentro do programa #aculturasegue de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A compañía Sarabela Teatro presenta Proxecto Noee, obra composta e dirixida por Fina Calleja e coa interpretación de Elena Seijo, Fernando Dacosta e Sabela Gago.
A entrada para esta obra é gratuíta, sendo o aforo limitado. Debido a situación sanitaria é obrigatorio o uso de máscaras, haberá que gardar a distancia de seguridade e usar a solución hidroalcohólica.
A entrada farase media hora antes do comezo da obra ata completar o aforo.
Sinopse
Neve, tres pingüíns, o desxeo e dous boletos para a A.R.C.A. (Aparello Rescatador de Animais) de Noeé (Novos Observadores Especialistas da Evacuación) son os elementos desta historia narrada cunha linguaxe sinxela e contundente. Os pingüíns reflexionan sobre o valor da amizade: como facer para salvarse os tres cando só teñen dúas pasaxes? Cando está permitido e cando non romper as regras?
Tres amigos enfróntase ao dioivo universal, ou ao cambio climático ou como lle queiramos chamar neste principio de século. As ordes son moi claras, so están convidados dous. Na ARCA só admiten parellas. Nestas circunstancias pregúntanse polas leis humanas e divinas, polo sentido da existencia, pola amizade e o desexo de sobrevivir á conta do outro, o «outro como algo moi diferente ao meu. Con humor e espírito lúdico o espectáculo prantexa preguntas ao redor da nosa relación coa natureza.