Teatro gratuíto para toda a familia en Monforte
- Con Alentía Teatro
- O Concello de Monforte programa unha nova peza de teatro neste mes de decembro, concretamente o domingo día 12, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro a partir das 18.00 horas, dirixida a público infantil e familiar, e con entrada gratuíta ata completar aforo
- Trátase da obra “A escada dos contos” a cago da compañía Alentía Teatro. Esta obra chega froito da colaboración entre o Concello de Monforte e a Área de Cultura da Deputación de Lugo, e forma parte do “Ciclo Táboas cheas de emoción” do Circuíto de Teatro Afeccionado
- A entrega de entradas farase dende unha hora antes da actuación, é dicir ás 17:00 h, e a entrada ó salón de actos realizarase ás 17:45 h. Todas as obras que se celebran neste ciclo de teatro contan cun protocolo específico de seguridade e hixiene ante o Covid-19
O Concello de Monforte segue a programar obras de teatro para este segundo semestre do ano. Deste xeito, o salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá o domingo 12 de decembro ás 18:00 horas e dentro do “Ciclo Táboas cheas de emoción” do Circuíto de Teatro Afeccionado da Deputación de Lugo-Cultura Vicepresidencia, unha representación teatral para público infantil familiar con entrada libre e gratuíta, a cago da compañía Alentía Teatro coa obra A escada dos contos.
A entrada é gratuíta, a capacidade do salón de actos a determinará a normativa sanitaria que estea operativa no momento da realización do espectáculo.
A entrega de entradas farase dende unha hora antes da actuación, ás 17:00 h, e a entrada ó salón de actos realizarase ás 17:45 h.
Sinopse
A escada dos contos é un compendio de historias que aborda con tenrura e humor problemas tan importantes como a igualdade de oportunidades entre os xéneros, o acoso escolar, a cultura da paz, o recoñecemento á sabedoría e á experiencia das persoas maiores, o valor instrumental da educación como ferramenta imprescindible no crecemento do ser humano…
Trátase dun espectáculo que reflexiona, en clave de humor, sobre a importancia de cultivar a autoestima, a mellor ferramenta para sortear obstáculos na vida.
A seguinte e última obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte para estes últimos meses do ano, será Saga de Flin Havardr da compañía Trécola Monicreques, dirixida a público infantil e familiar, que terá lugar o martes 28 de decembro no Edificio Multiusos ás 18:00 horas. A obra forma parte do Circuíto de Teatro Profesional da Área de Cultura da Deputación de Lugo.