Superada a cifra de peregrinos chegados durante todo o ano 2015
- Santiago de Compostela superou onte a cifra de peregrinos chegados durante todo o ano 2015 acadando os 262.913
- En todo o ano pasado seláronse 262.515 compostelas e na terceira semana de outubro de 2016 a cifra de compostelas seladas alcanza as 262.913
- O 54,87% dos peregrinos que chegaron no que vai de 2016 son estranxeiros, en total, 144.249. Isto supón 11.876 peregrinos estranxeiros máis que os que chegaron o ano pasado neste mesmo período
- No que vai de ano, percorreron as Rutas Xacobeas 13.055 peregrinos máis que no mesmo período de 2015. A suba alcanza o 5,22%
- Os peregrinos proceden de 168 países diferentes e os mais destacados son España, Italia, Alemaña, EEUU, Portugal, e Francia
A Oficina de Acollida ao Peregrino rexistrou entre o 1 de xaneiro e o 22 de outubro un total de 262.913 peregrinos que recolleron a Compostela tras teren percorrido algunha das Rutas Xacobeas. Isto supón que na terceira semana do mes de outubro de 2016 xa se teña superada a cifra global de peregrinos chegados durante todo o ano pasado, que alcanzou os 262.515 camiñantes.
Deste modo, a cifra global de peregrinos que se animaron a recoller a Compostela en comparación co mesmo período de 2015 alcanza unha suba do 5,22%, con máis de 13 mil peregrinos recibidos máis que entre o 1 de xaneiro e o 22 de outubro do ano pasado.
Estes resultados corroboran que o Camiño de Santiago é a nosa icona máis universal, o noso principal produto turístico e o eixe vertebrador da cultura europea dado que as Rutas Xacobeas están a experimentar un auxe constante.
Peregrinos estranxeiros
No que vai de ano, chegaron a Compostela un total de 118.664 peregrinos procedentes do territorio español, isto é, o 45,13% dos peregrinos. Un total de 144.249 peregrinos foron estranxeiros, en total un 54,87% dos peregrinos que chegaron a Santiago neste período procedían doutros países.
En total contabilizáronse 168 nacionalidades diferentes. En concreto, e por esta orde, os grupos de peregrinos máis numerosos procederon tras España de Italia, Alemaña, EEUU, Portugal, Francia, Irlanda, Reino Unido, Australia, Canadá, Brasil, Corea, Polonia, Holanda, Dinamarca e México.
En total, en comparación cos rexistrados no mesmo período de 2015, chegaron a Compostela 11.876 peregrinos estranxeiros máis. Onte mesmo, chegaron a Santiago un total de 1.075 peregrinos, dos cales 611, isto é o 56,84%, foron estranxeiros.
Peregrinos por Camiños
Por camiños, as cifras de peregrinos rexistradas neste período ten sido: 165.934 no Camiño Francés; 49.746 no Camiño Portugués; 16.566 no Camiño Norte; 11.488 no Camiño Primitivo; 9.278 no Camiño Inglés, 8.504 na Vía da Prata e 265 no Camiño de Inverno. Pola Ruta Fisterra-Muxía cara Santiago discorreron 716 peregrinos e por outras rutas chegaron 412.