Solpores diferentes no Incio
HermidaRural, un pequeno hotel familiar situado na beira do encoro de Vilasouto en Eirexalba, no Concello do Incio, programa diferentes eventos os venres para vivir dun xeito especial o fermoso solpor que se contempla dende as súas instalacións.
Este 5 de agosto encargarase de ambientar o ciclo «Solpor Hermida» Soul & Roll, un dueto acústico de versións chegado de Ourense e integrado por Tamara Pérez e Miguel Araújo. A actuación chega da man de Hermanager Producións e será ás 20:30 h. Pódese asistir á mesma aínda que non se estea aloxado no hotel.
O repertorio de Miguel Araújo e Tamara Pérez, guitarra e voz do grupo respectivamente, está coidadosamente escollido ofrecendo unha selección de cancións emblemáticas e grandes clásicos do pop-rock español dos anos 80 de grandes artistas como: Luz Casal, Miguel Ríos, Mecano, La Guardia, Siniestro Total, Los Secretos, Danza invisible, Manolo García, Antonio Flores, Nacha Pop, Alaska… e tamén dos anos 90 ata a actualidade como: Fito e Fitipaldis, La Oreja de Van Gogh, Mclan, Manolo García, Maná…
Ademais deste repertorio en español, tamén se poderá escoitar na terraza do Hermida Rural unha escolma de grandes temas internacionais de onte e de hoxe de artistas como: Queen, Creedence Clearwater Revival, Jackson Five, Journey, Police, U2, Bon Jovi, Nirvana, Guns and Roses, Jason Mraz, Avicii, Pharrel Wiliams, Bruno Mars, Adele, Rihana, Camila Cabelo, Ed Sheeran… e moitos máis que poden aparecer durante o concerto.
TAMARA PÉREZ E MIGUEL ARAÚJO
Tamara Pérez traballou en orquestras durante anos e participou no concurso ‘Recantos’ (2011) do Luar, importante trampolín na súa carreira. Ademais da música, co dueto Soul & Roll, leva anos traballando no medio televisivo. Despois de varios anos como presentadora en Tele Miño -Ourense- deu o salto á TVG, onde destaca como colaboradora no programa Bamboleo. Miguel Araújo, tamén con experiencia en orquestras, é músico e compositor. Actualmente compaxina as clases de música con actuacións co grupo por toda Galicia.