Sober, stand propio e dúas degustacións, en Xantar

O CONCELLO DE SOBER PROMOCIONA NO 23º SALÓN XANTAR OS SEUS PRODUTOS GASTRONÓMICOS E OS SEUS ATRACTIVOS TURÍSTICOS

 

  • O Concello contará un ano máis cun stand propio e ofrecerá dúas degustacións de viño de Amandi e rosca de Sober con queixos de D.O. galegas

 

O Concello de Sober continúa fiel á súa cita con Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que celebra en Expourense do 9 ao 13 de novembro a súa 23ª edición.

A través dun stand propio, o Concello de Sober promocionará o seu máis emblemático produto froito da viticultura heroica, o viño de Amandi; pero tamén outros coma a rosca de Sober ou os seus atractivos turísticos “que son moitos”, segundo destaca o alcalde, Luis Fernández Guitián. Situado na Ribeira Sacra, Sober é un destino “único que merece a pena visitar”.

O 23º Salón Xantar é unha nova oportunidade para seguir dando a coñecer o seu patrimonio arquitectónico que conta con numerosas mostras do románico rural e o seu patrimonio natural marcado polo canón do Sil, que se pode ver dende os distintos miradoiros. Unha ruta cicloturista incluída no visor ‘A paisaxe de Galicia dende a bicicleta’ permite apreciar a súa singularidade.

No stand do Concello de Sober tamén haberá información sobre a olería de Gundivós e sobre a oferta de aloxamentos rurais e locais de hostalería e restauración.

 
Degustacións

O espazo de ‘Festas gastronómicas’ acollerá o mércores día 9, día dedicado ao Concello de Sober, e o sábado día 12 senllas degustacións de viños de Amandi da D.O. Ribeira Sacra con rosca de Sober e queixos das D.O. galegas. As degustacións están previstas entre as 13:30 e as 14:15 horas.

También te podría gustar...