Sober: produtos locais para agradecer os 9K seguidores no Facebook
- O Concello de Sober lanza un sorteo de produtos locais para agradecer os seus máis de 9.000 seguidores no Facebook
- Como agasallos; un lote de botellas de Amandi, un tarro de mel e un xerro de Gundivós
O Concello de Sober supera os 9.000 seguidores na súa páxina oficial de Facebook e para agradecer a súa fidelidade promove un sorteo quen ten como agasallo diferentes produtos locais.
Para participar tan só hai que darlle a gústame ao post no que se anuncia o sorteo. Tamén se pode seguir a páxina, se aínda non se é seguidor, e etiquetar a outras persoas para que tamén poidan participar. Unha maneira máis de chegar a novos usuarios.
Os interesados e interesadas poden participar ata o 31 de maio ás 20:00 horas, momento no que se levará a cabo o sorteo para coñecer aos gañadores.
Para agradecer o seguimento nesta rede social o Goberno local agasallará aos gañadores cun lote de botellas de viño de Amandi, un tarro de mel e un xerro de Gundivós. Haberá, polo tanto, tres gañadores.
O Concello de Sober leva anos apostando pola presenza nas redes sociais, coa apertura de contas oficias en Facebook, Twitter e Instagram, que actualiza de xeito constante todos os días do ano.
Escaparate turístico
As contas oficiais do Concello, ademais de proporcionar información de interese sobre o municipio, avisos, obras, prazos de axudas, etc, tamén se teñen convertido nun escaparate turístico da Ribeira Sacra co que reforzar a candidatura a Patrimonio Mundial ante a Unesco.
A día de hoxe o de Sober é o segundo Concello da comarca con máis seguidores na súa conta de Facebook, só superada por Monforte e está no TOP FIVE, entre os cinco primeiros, que máis seguidores ten a nivel provincial, só superado por catro Concellos con moitos máis habitantes, que son Lugo, Monforte, Vilalba e Foz.