Sober é Qalidade
- O Concella presenta o proxecto co obxectivo de promover a rede de miradoiros
- O municipio conta con 10 balcóns ao Sil que foron distinguidos coa Q de calidade na categoría de Espazo Público Singular
- Haberá unha programación que se estenderá ao longo de todo o ano con concertos e actividades varias para todo tipo de públicos
O Concello de Sober vén de presentar o proxecto ‘Sober é Qalidade’ co obxectivo de promover a súa rede de miradoiros, que a finais de 2020 foi distinguida pola Instituto para a Calidade Turística de España como Espazo Público Singular. Trátase dun recoñecemento que só teñen cinco espazos en todo o Estado.
Co proxecto dado a coñecer hoxe o Goberno local pretende presentar e amosar o turismo de calidade dunha maneira próxima e humana a través dos profesionais de diferentes sectores que desenvolven a súa actividade no Concello.
O proxecto desenvolverase ao longo de varios meses nos que os dez miradoiros de Sober serán os protagonistas a través da visita dos profesionais dos establecementos turísticos, restauradores, viticultores, guías, alfareiros, empresarios, etc para dar conta da beleza e singularidade do noso patrimonio.
Nas redes sociais do Concello de Sober irase presentando unha paisaxe humanizada a través das súas xentes ao tempo que se irá dando a coñecer a oferta turística do municipio para atraer novos visitantes.
Actividades para todos os públicos
A maiores, faranse actividades promocionais para todos os públicos, como concertos, cursos de iniciación á fotografía, cursos de pintura ao aire libre, cursos de cata, observación de estrelas e de aves, xornada de lectura interpretada, así como unha xornada de portas abertas á igrexa de San Xoán de Lobios para contemplar os seus murais.
Os nenos tamén terán o seu espazo nesta programación con cursos de pintura, contacontos, e visita ás pinturas murais de Lobios, entre outros.
A proposta completarase con publicacións específicas de cada miradoiro, así como cunha guía de rutas turísticas.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que
imos promocionar os nosos miradoiros, atraer turistas e mellorar a sinalización e accesos, ao mesmo tempo que damos a coñecer a través dos nosos profesionais a enorme oferta cultural, gastronómica e turística que temos en Sober.