Sober abre o prazo do servizo ‘Concilia’

  • Atenderá ao alumnado antes e despois da xornada lectiva
  • É o único da Comarca que ofrece axuda aos pais para favorecer a conciliación en horario de mañá e de tarde
  • As familias interesadas poden inscribirse no Colexio Virxe do Carme ou no Concello de Sober

 

O Concello de Sober vén de abrir o prazo para anotarse no servizo de conciliación familiar ‘Concilia’ destinado ao alumnado do Colexio Virxe do Carme durante o curso 2021/2022. O obxectivo deste servizo, que tivo unha boa acollida nos cursos anteriores atendendo a máis de 30 familias ao ano, é o de servir de axuda aos pais que precisen que os seus fillos sexan atendidos un tempo antes de entrar ou despois de saír do Colexio.

Está previsto que o servizo empece a funcionar o día 1 de outubro. As familias interesadas en inscribirse poden facelo no Colexio Virxe do Carme ou no Concello de Sober.

“Con esta medida pretendemos avanzar na conciliación familiar ao tempo que lle permite aos nenos seguir aprendendo e divertíndose cos seus compañeiros baixo a supervisión dun profesional”, indica o rexedor, Luis Fernández Guitián.

O alcalde soberino sinala que

o Concello porá ao servizo das familias un profesional para atender a estes alumnos no propio centro escolar que se encargará de ofrecerlles unha programación de xogos e actividades.

 

 
Servizo de mañá e de tarde

O servizo ‘Concilia’ é o único da Comarca que ofrece dúas modalidades: unha pola mañá e outra pola tarde. A través do servizo ‘Madrugadores’, con horario de 07:45 a 09:30 horas, o profesional do servizo encargarase da atención aos nenos e nenas para comezar o día antes do horario lectivo con xogos, actividades de lectura, debuxo, etc.

Xa pola tarde, de 15:45 a 17:30 horas, o Concello de Sober oferta tamén un servizo denominado ‘Ludotardes’ no que os nenos e nenas poden aproveitar para compartir cos seus compañeiros xogos e actividades antes de que os pais os recollan.

Medidas anti-Covid

Fernández Guitián explica que “co obxectivo de manter afastada o Covid-19, o servizo ‘Concilia’ do Concello de Sober cumprirá con todas as medidas de prevención e protocolos establecidos polas autoridades sanitarias”.

También te podría gustar...