“Smiley Water” o proxecto de termalismo solidario ‘debutará’ no 3º Foro da Comunicación de Galicia

A Deputación de Ourense presentará o proxecto “Smiley Water” no 3º Foro da Comunicación de Galicia.

  • Terá lugar o 25 de novembro en Expourense coa participación a través de vídeo-conferencia de delegados internacionais de Termatalia e do compositor Alejandro Abad
Rosendo Fernández e Alejandro Rubín na presentación do 3º Foro da Comunicación de Galicia

Rosendo Fernández e Alejandro Rubín na presentación do 3º Foro da Comunicación de Galicia

 

A Deputación de Ourense presentará o proxecto “Smiley Water” na mesa de “Comunicación para o desenvolvemento e a cooperación” que terá lugar durante a celebración do 3º Foro da Comunicación de Galicia, o vindeiro mércores, 25 de novembro, en Expourense. A presentación do evento tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial na que estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

A Deputación de Ourense colabora no patrocinio deste foro co apoio do IGAPE e da Secretaría Xeral de Medios para “orientar aos titulados e especialistas en xornalismo, publicidade ou marketing a apostar polo emprendemento e o autoemprego, mediante proxectos relacionados coa comunicación”, asegurou Rosendo Fernández, e engadiu “o desenvolvemento humano e tecnolóxico transformou a comunicación nunha actividade social básica que fai cultura e resulta imprescindible para os resultados económicos de calquera colectivo ou empresa”.

“Smiley Water” é un proxecto de termalismo solidario do coro infantil do Colexio Padre Feijóo-Zorelle de Ourense que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, Cruz Vermella e Expourense. O asesor de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez, exporá o que supón desde o punto de vista da comunicación levar a cabo este proxecto solidario a beneficio da infancia de países en conflito, sobre todo de Oriente Medio e Europa. A presentación incluirá unha conexión por vídeo-conferencia con delegados internacionais de Termatalia que participaron neste proxecto e co autor da banda sonora do mesmo, o produtor musical e cantante, Alejandro Abad.

Iniciativas innovadoras

O 3º Foro da Comunicación de Galicia é un punto de encontro para os profesionais vencellados ao mundo da comunicación, o márketing e publicidade que presentarán as iniciativas emprendedoras que actualmente se están a levar a cabo en Galicia así como, poñer de manifesto a importancia da comunicación realizada por expertos nas empresas. Alejandro Rubín que explicou o programa do foro agradeceu “a participación de todos os colectivos que forman parte da comunicación para falar de presente pero, sobre todo, de futuro”.

A conferencia inaugural correrá a cargo do presidente da Asociación Española de Investigación da Comunicación e impulsor da creación da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona, Miquel de Moragas Spà. Posteriormente o profesor e director do potal do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago, ofrecerá unha ponencia sobre “A Comunicación científica como unha nova vía para o xornalismo”. Presentaranse novos proxectos vencellados á comunicación de Galicia como o Clúster da Comunicación Gráfica, o novo Campus CREA S2i do Campus de Pontevedra, a nova etapa da Asociación da Creatividade Galega ou iniciativas pioneiras como “Opennemas”.

Para explicar a importancia da comunicación nas empresas ben a través dun gabinete propio como a través da contratación dunha consultora externa, directivos de IDEO e Atrevia, dúas consultoras de comunicación de Galicia, participarán no encontro.

A sesión da tarde estará centrada na comunicación para o desenvolvemento, a solidariedade e a cooperación organizándose para iso unha mesa redonda na que participará a subdirectora xeral de cooperación exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero, e o xornalista especializado en cooperación e fundador da ONG Reporteiros Galegos Solidarios, Juan de Sola. Será nesta mesa onde se presente o proxecto solidario “Smiley Water”.

A conferencia de clausura será impartida polo xornalista galego Bieito Rubido, actual director do diario ABC, onde analizará o “Panorama Político Español ante as Eleccións”.

Ademais terá lugar a entrega dos III Premios á Comunicación Innovadora de Galicia que teñen como obxectivo recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que destacaran por revalorizar o campo da comunicación.

Os interesados en participar no 3º Foro da Comunicación de Galicia poderán facelo de xeito gratuíto inscribíndose previamente a través da web www.expourense.org, enviando un mail a rrpp@expourense.org ou chamando ao 988366030. Os que acudan á celebración en tren poderán descargar nesta web o bono desconto de RENFE do 35%.

 

 

También te podría gustar...