Smart Commerce, campaña para fomentar o uso das novas tecnoloxías no comercio galego
- A Xunta pon en marcha a campaña Smart Commerce para fomentar o uso das novas tecnoloxías no comercio galego
- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, xunto ao presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, presentou esta nova iniciativa que inclúe a creación dunha páxina web que dará visibilidade aos comerciantes que apostan por proxectos innovadores nos que o cliente é o centro da súa estratexia empresarial
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou esta semana en Santiago a campaña Smart Commerce, coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende dar maior visibilidade aos establecementos que se sumaron a esta aposta da Xunta por impulsar o comercio intelixente e a aplicación das novas tecnoloxías, ofrecendo así unha atención máis personalizada aos clientes. Acompañada polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, anunciou a posta en marcha dunha páxina web que servirá de reclamo para animar ao resto do pequeno comercio a implantar os novos sistemas de comercialización e información ao consumidor.
Sol Vázquez subliñou que os comerciantes que apostan polo smart commerce son os verdadeiros protagonistas da campaña, contando en primeira persoa a súa experiencia e as súas iniciativas. Para alcanzar este obxectivo, a directora xeral de Comercio indicou que a nova web (www.smartcommerce.gal) servirá de plataforma para unir, dar visibilidade e potenciar aos comerciantes que melloraron os seus establecementos a través das novas tecnoloxías e das vantaxes que aporta a utilización de internet no día a día dos seus negocios, creando deste xeito novas canles de venda máis próximas ao cliente.
“A nova web permitirá impulsar o coñecemento dos comerciantes que, a través do seu talento e esforzo, decidiron desenvolver un proxecto innovador, moderno e no que o cliente está no centro da súa estratexia”, destacou a directora xeral de Comercio, quen engadiu que desta forma se cumpre un dos principais retos propostos no Plan estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia para mellorar a modernización do sector.
De feito, a Xunta destina 70 millóns de euros ata 2020 a este Plan para incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego a través de 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: ademais de impulsar o smart commerce; céntrase en afianzar un sector comercial renovado e en potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.
A campaña Smart Commerce completarase coa posta en marcha dun perfil en redes sociais que actuará de canle de comunicación directa cos comerciantes, ao tempo que favorece a participación dos establecementos para que se sumen a esta aposta polos novos sistemas de comercialización.
Galardóns ás mellores iniciativas
Para seguir avanzando neste eido, Sol Vázquez recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén ten convocada a primeira edición dos premios Smart Commerce de Galicia, na que se galardoará as mellores iniciativas en cada provincia, destacando unha das catro como a mellor da comunidade, ademais de distinguir á mellor labor en comercio electrónico e á mellor estratexia en redes sociais.
Os comerciantes poden presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 22 de agosto. Cun reparto en premios de 8.500 euros, a Xunta quere destacar a labor dos comercios tradicionais para impulsar a innovación dos seus negocios a través das novas tecnoloxías e visualizar a excelencia e importancia dos comercios galegos nas novas estratexias comerciais.
A directora xeral sinalou que o impulso do smart commerce e do comercio en liña tamén se reforza este ano coa aprobación de axudas por máis de 3 millóns de euros, das que se beneficiaron preto de 1.000 comerciantes e obradoiros de artesanía de Galicia, ademais de 6 federacións e asociacións do sector comercial e artesán.
Con estas axudas impulsaranse preto de 600 proxectos con novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinan o comercio on line e o off line; que implican a utilización das redes sociais para a venda ou que avanzan no desenvolvemento do m-commerce (comercio a través do móbil), ademais de páxinas web comerciais; complementando así a experiencia de compra presencial dos consumidores cos diferentes canais comerciais.
Estes apoios concedidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén permitirán desenvolver máis de 400 iniciativas centradas na implantación de ferramentas que melloran a xestión do negocio e o deseño dos seus produtos, ou na posta en marcha de novos sistemas de packaging e etiquetado; así como no desenvolvemento de novos produtos. Por outra banda, promoveranse máis de 900 proxectos para o acondicionamento de locais comerciais e a mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.