Simboloxía do Románico do Saviñao, publicación sobre o patrimonio románico da Ribeira Sacra

Cultura e Educación promove unha publicación sobre o patrimonio románico da Ribeira Sacra.

A Consellería e o Concello do Saviñao coeditan a obra ‘Simboloxía do Románico do Saviñao’, na que o escritor Xosé Lois García afonda na iconografía de sete igrexas desta localidade lucense

O concello do Saviñao acolleu onte a presentación da nova obra de Xosé Lois García, un traballo coeditado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Concello do Saviñao, na que o escritor lucense analiza a iconografía de sete igrexas de orixe medieval desta localidade da Ribeira Sacra.

Logo dos seus estudos sobre o patrimonio románico de Sober, de Chantada e de Pantón, Xosé Lois García presenta agora un traballo que, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “contribúe á difusión do románico galego, así como a tomar unha maior consciencia do que significa na imaxe de Galicia este patrimonio”.

“Para poder valorar o noso patrimonio cultural precisamos coñecelo e comprendelo, de aí a importancia de obras como a que hoxe presentamos, que nos achega á riqueza do legado románico en Galicia, parte viva do noso acervo e da nosa identidade”, afirmou o secretario xeral de Cultura, que recordou que a Ribeira Sacra abeira unha expresión arquitectónica fundamental dunha das grandes correntes artísticas que lle deron forma á Europa e á cultura de Occidente.

Foto: José Antonio Gil Martínez

Foto: José Antonio Gil Martínez

A arquitectura e simboloxía de San Vitorio de Ribas de Miño, de Santo Estevo de Ribas de Miño, Santo Estevo de Diomondi, de San Lourenzo de Fión, de San Martiño da Cova, de Santa María de Marrube e de Santa María de Seteventos centran cadanseu capítulo desta obra, na que Xosé Lois García –autor de máis de oitenta libros publicados sobre diversas temáticas– afonda no significado e na interpretación dos motivos escultóricos e elementos arquitectónicos destes templos, que ilustra con numerosas fotografías.

Coa publicación desta obra, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende contribuír a dar a coñecer e a poñer en valor a enorme riqueza e diversidade de bens patrimoniais estendidos polo conxunto do territorio.

 

También te podría gustar...