Sete mil euros por hectárea a os viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo

  • Os viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo recibirán unha axuda de 7.000 euros por hectárea
  • O Diario Oficial de Galicia publicou onte a orde de achegas da Consellería do Medio Rural cun orzamento de 500.000 euros
  • O departamento que dirixe Ángeles Vázquez achegará ademais outros 100.000 euros para arranxar os camiños, muros e outras infraestruturas relacionadas co cultivo da vide que se viron afectadas pola treboada do pasado 15 de agosto

 

logo_DOGOs viticultores da Ribeira Sacra afectados pola treboada de pedrazo rexistrada o pasado día 15 de agosto terán dereito a percibir unha axuda de 7.000 euros por hectárea, para paliar os danos rexistrados. Esta é a cantidade establecida na orde de axudas que onte saliu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), cun orzamento total previsto de 500.000 euros.

Con estas axudas búscase que nas parcelas vitícolas afectadas polo pedrazo na área da Ribeira Sacra se siga realizando unha viticultura de montaña cualificada como heroica polo Centro de Investigacións, Estudio, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña (CERVIM) e que axude á conservación do medio rural da Ribeira Sacra.

A treboada de pedrazo afectou os viñedos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, maioritariamente no concello lugués de Sober e unha pequena parte do de Monforte de Lemos. A área que sufriu a sarabiada pertence á subzona de Amandi, tradicionalmente unha das máis coñecidas da Ribeira Sacra.

Despois da avaliación dos técnicos da Consellería do Medio Rural, constatouse que o sinistro foi moi virulento e que supuxo a perda de practicamente toda a colleita de uva nesa zona non só para esta campaña senón tamén para as posteriores.

Tendo en conta esta situación de emerxencia, o Goberno galego habilitou esta orde específica para a conservación e mantemento do viñedo, cunha liña de axudas da que se poderán beneficiar aqueles viticultores que non tiveran subscrito ningunha póliza de seguros, sendo a subvención máxima por viticultor de 15.000 euros. As achegas servirán para para financiar as operacións de conservación e mantemento do viñedo, nas que se inclúen a poda e a xestión dos restos de poda, os tratamentos fitosanitarios e o mantemento do solo.

Arranxo de infraestruturas

A maiores, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez tamén destinará preto de 100.000 euros para arranxar os camiños, muros e outras infraestruturas relacionadas co cultivo da vide que se viron afectadas por este fenómeno atmosférico adverso. Neste caso, as actuacións consistirán no arranxo e limpeza de cunetas, aportes de saburra en varias pistas, formigonado de tramos de vías que o requiran e construción de dous muros de contención de granito.

También te podría gustar...