Servizos interconectados para unha ‘Smart Province’
- Baltar propón un modelo de «Smart Province» con servizos interconectados para crear unha rede provincial de infraestruturas tecnolóxicas
- O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe na «Ourense ICC Week» xunto ao director de Wired UK, David Rowan, expoñendo seu proxecto de «Provincia Intelixente», baseado na creación dunha plataforma común de software e unha zona de servizos conectados para ofrecer aos cidadáns información común e accesible para todos
- A «Smart Ourense» «permitirá unha interconexión territorial para que á cidadanía dispoña en tempo real de información provincial dos ámbitos institucional, medioambiental, benestar, economía, cultural, deporte, infraestruturas, emprendemento, cooperación cos concellos, recursos humanos e proxección exterior», afirma Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na xornada de peche das conferencias da «Ourense ICC Week», xunto ao redactor xefe da revista Wired UK, David Rowan, propoñendo un modelo de «Smart Province» con servizos interconectados que permitan crear unha rede provincial de infraestruturas tecnolóxicas. O presidente do goberno provincial expuxo o seu proxecto de «Provincia Intelixente», baseado na creación dunha plataforma común de software e unha zona de servizos conectados «que ofrezan aos cidadáns información común e en tempo real de todos os ámbitos: medio ambiente, infraestruturas, economía, emprendemento, benestar, cultura, deporte e información institucional, de cooperación cos concellos, recursos humanos e proxección exterior. Todo un concepto de interconexión territorial que conformará o que denominamos «Smart Ourense».
No acto celebrado no Teatro Principal de Ourense, Manuel Baltar ofreceu o seu relatorio e posteriormente deu paso a David Rowan e a Alberto Valero, director do proxecto educativo Bq. O presidente provincial dixo que a estratexia de posicionamento internacional da «marca Ourense», a promoción das singularidades da provincia, e un modelo de xestión pública baseado en iniciativas innovadoras e participativas, que facilitan a relación administración-cidadán, «son a base do proxecto «Smart Province», que terá as súas liñas de acción na cooperación público-privada e na transparencia».
Precisamente, o pisicionamento da «marca Ourense», coa misión empresarial USA-Ourense; a presencia na Rede Partenalia de gobernos locais intermedios de Europa; formar parte da Xunta de Goberno da FEMP, e o feito de situar á provincia de Ourense como un referente de innovación na xestión -xunto a territorios como Bos Aires e Toronto, como se puxo de manifesto no encontro internacional de Curitiba (Brasil)-, «fan que a iniciativa de «Provincia Intelixente» teña concitado interese no ámbito da innovación na xestión da administración pública, e sitúanos como un territorio favorable e permeable para levar a cabo proxectos de vangarda na innovación, como acontece en lugares que son referencia neste ámbito como Israel, Irlanda ou os Landers alemás», explica Baltar.
O concepto de «Smart Ourense» resúmese, segundo Manuel Baltar, nunha frase: «Conexión total de todo e para todos». «Nestes momentos só estamos a utilizar unha pequena parte das inmensas posibilidades que nos ofrecen as tecnoloxías da comunicación, e os pasos que daremos nun futuro, que xa é presente, van encamiñados a dispoñer de moita máis información do noso entorno máis próximo. Por exemplo, a xestión do tráfico, dos aparcadoiros ou do transporte público, as emerxencias, a xestión dos residuos, os servizos culturais e deportivos, os trámites administrativos…, todo o que conforma a vida cotiá dos cidadáns estará a nosa disposición nun «clic», e iso situaranos como provincia de vangarda por procurar ás veciñas e veciños máis información, inmediatez, comodidade e eficacia nas xestións», explica Manuel Baltar.
En definitiva, «trátase de achegar solucións para un beneficio común e implantar infraestruturas tecnolóxicas que permitan crear unha rede compatible coas distintas actividades. Eu creo niso, porque creo que en Ourense se dan as condicións idóneas para acadar este obxectivo. O feito de que teñamos unha grande dispersión xeográfica non é un impedimento senón unha oportunidade para facer o reto de interconectar comarcas e persoas e demostrar que é posible poñer á tecnoloxía da nosa man», remarca Manuel Baltar.
O proceso para acadar esta meta tecnolóxica da «Smart Ourense» consiste primeiramente na recollida e análise de datos e a posta en marcha de aplicacións que permitan achegar a información aos cidadáns. Os obxectivos son mellorar o modelo de gobernanza e a calidade dos servizos prestados, reducir o gasto público, conseguir unha mellor planificación urbana e territorial, fomentar o emprendemento e a innovación, ter unha provincia máis sostible e aumentar a información que se lle ofrece ao cidadán.
«Con elo, os impactos que conseguiremos –explica Manuel Baltar- tradúcense en aforro e maior eficiencia enerxética, promoción turística, maior transparencia e participación cidadá, comodidade na xestión, e mellores servizos sociais en ámbitos como a tele-asistencia a mobilidade ou a seguridade cidadá».
Tecnoloxía e economía creativa
Na xornada de hoxe na «Ourense ICC Week» participaron tamén o redactor xefe de Wired UK, David Rowam, especialista en temas de tecnoloxía, negocios e innovación, e Alberto Valero, director do proxecto educativo Bq, vencellado a proxectos de innovación educativa.
Pola mañá, no espazo A Molinera, expertos de distintos sectores abordaron a cuestión da economía creativa e o futuro dos contidos. Participaron: Juan Rivas, coordinador da «ICC Week», que actuou como moderador, Edgar Martin Blas, CEO en New Horizonts VR; Áurea Rivela, directora de Uptopic us, Zinc Shower; Millán Berzosa, Google News Lab, Media Training Specialist España e Portugal; e Julio Manso, Sales Managing Director en Admanmedia.
Neste debate analizáronse ás tendencias na era da sociedade da información, e novos proxectos de marketing dixital, social media, xeración de contidos, realidade virtual e análise de datos. Tamén houbo actividades para os máis pequenos na «ICC Kids», cunha conferencia do profesor de artes plásticas José Rivela e os seus alumnos da ESO, na que falaron da súa experiencia na creación da curtometraxe «Looking for Bill Viola», e a súa relación co artista estadounidense Bill Viola, actividades que se completaron con talleres de plastilina, pintura condutiva e Stop-motion.