Seis novos viveiros industriais e mellora das infraestruturas de 46 parques empresariais galegos

  • A Xunta impulsa a creación de seis novos viveiros industriais e mellora as infraestruturas de 46 parques empresariais galegos
  • Economía, Emprego e Industria apoia aos concellos galegos con preto de 5 millóns de euros para o desenvolvemento destas medidas que permiten atraer investimentos ao tempo que fomentan o emprendemento no sector industrial
  • Cerceda, Vilanova de Arousa, Cambados, Boiro, Outeiro de Rei e Friol acollerán as instalacións para novas empresas, que ademais de acceder ao espazo a prezos vantaxosos recibirán asesoramento especializado
  • Preto do 47% dos proxectos de mellora nos parques céntranse nas vías de acceso, e tamén se poñerán en marcha iniciativas de aforro e eficiencia enerxética, novas plantas de depuración de augas, sistemas de xestión de residuos ou de seguridade
  • Con estas novas actuacións, levaranse realizado desde 2009 un total de 350 proxectos que inciden na mellora competitiva do tecido produtivo galego e na creación de riqueza e emprego na comunidade

 

xunta-de-galicia-300x135A Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou apoios por preto de 5 millóns de euros para os concellos galegos cos cales se desenvolverán melloras en 46 parques empresariais e se crearán seis novos viveiros industriais en polígonos de Cerceda, Vilanova de Arousa, Cambados, Boiro, Outeiro de Rei e Friol, contribuíndo así á atracción de investimentos cara aos municipios ao tempo que se fomenta o emprendemento no sector industrial galego.

Por unha banda, mediante a convocatoria de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas, concédense apoios por preto de 4 millóns de euros cos que se impulsarán 58 proxectos en 46 parques empresariais galegos. Mellórase así o servizo que se presta ás compañías xa instaladas ao tempo que se impulsa a chegada de novas iniciativas con capacidade para xerar riqueza e emprego.

Preto do 47% dos proxectos apoiados mediante esta liña se centra nas vías de acceso. Ademais, con esta convocatoria, que prevé axudas do 80% do custo subvencionable e que se incrementan ata un 95% no caso de agrupacións ou fusións de concellos, tamén se desenvolverán actuacións orientadas á dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos e instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia.

Tras a finalización dos traballos teranse realizado a través deste programa 350 proxectos nos parques desde o 2009, contribuíndo así á calidade do solo industrial galego e mellorando as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade.

Por outra banda, mediante a convocatoria para a creación de viveiros industriais nos polígonos galegos, que se pon en marcha por primeira vez, os concellos de Cerceda, Vilanova de Arousa, Cambados, Boiro, Outeiro de Rei e Friol obtiveron axudas que suman un total de un millón de euros para habilitar estes novos espazos que se poñerán á disposición dos emprendedores do sector industrial a prezos moi vantaxosos e por un prazo de ata 24 meses. Facilítanse así as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas, que disporán ao mesmo tempo de asesoramento especializado.

A aposta polos viveiros industriais enmárcase no compromiso do Goberno galego co emprendemento, cunha estratexia integral na cal se inclúen programas de aceleración como Via Galicia, da man de Zona Franca; Galicia Open Future, xunto con Telefónica; o programa Agrobiotech ou a rede de aceleradoras coa Escola de Organización Industrial (EOI).

Ademais, os dous programas de apoio dos cales se informou hoxe no Consello da Xunta encádranse na Axenda da competitividade Galicia – Industria 4.0, que busca incrementar o peso da industria no PIB da Comunidade en 6,9 puntos ata acadar o 20% no ano 2020, creando 50.000 novos empregos de calidade durante este período.

También te podría gustar...