Santiago Jaureguizar, premio «Xosé Aurelio Carracedo» de Periodismo

  • Santiago Jaureguizar gaña o XXVI Premio de Periodismo «Xosé Aurelio Carracedo»
  • O xurado outorga o galardón ao artigo publicado no xornal «El Progreso», titulado Os amigos do cadáver de Blanco Amor, destacando da obra «a súa calidade xornalística, o sentido crítico e a proposta de «actualizar», por medio dunha personaxe histórica da literatura galega, como é Blanco Amor, a crítica á situación social que vivimos nestes momentos»
  • O premio, dotado con 3.000 € e diploma, entregarase o vindeiro 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, nun acto que se celebrará no Salón de Plenos da Deputación de Ourense

 

Reunión do xurado do Premio Carracedo de xornalismo

Reunión do xurado do Premio Carracedo de xornalismo

 

O xornalista Santiago Jaureguizar (Bilbao, 1965), redactor de Cultura do Xornal El Progreso, é o gañador do XXVI Premio de Periodismo «Xosé Aurelio Carracedo» na súa edición de 2016, dotado con 3.000 euros e diploma, un certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido en 1988.

O xurado, reunido hoxe no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, ditaminou conceder o galardón a Santiago Jaureguizar polo artigo xornalístico publicado no xornal «El Progreso», de Lugo, titulado Os amigos do cadáver de Blanco Amor, destacando da obra premiada «a calidade xornalística do artigo, o sentido crítico e a proposta de «actualizar», por medio dunha personaxe histórica da literatura galega, como é Eduardo Blanco Amor, a crítica á situación social que vivimos nestes momentos».

O xurado, que elixiu por maioría o traballo de Jaureguizar, considera que se trata dun artigo «moi ben estruturado e orixinal no seu plantexamento e enfoque».

Santiago Jaureguizar é redactor de Cultura do diario El Progreso de Lugo dende 1993. Coordina o suplemento cultural Táboa Redonda. Como xornalista foi galardoado cos premios «Manuel Reimóndez» e «Museo Provincial de Lugo». A súa faciana de narrador foi recoñecida cos galardóns «Lueiro Rey», «Xerais», «García Barros», «Terra de Melide» e «Caixa Galicia de Literatura Infantil e Xuvenil».

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, estivo integrado por Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Xosé Francisco Rodil Lombardía, membro da Comisión de Garantía da FAPE; Francisco González Sarria, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Xosé Manuel Baamonde Silva, decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra, actuando como secretario Fernando Rodríguez Méndez, responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.

A entrega do premio terá lugar na Deputación de Ourense, nun acto que se celebrará no Salón de Plenos da institución provincial o día 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa.

También te podría gustar...