Sanidade traballa en labores de información, orientación e atención ás persoas con autismo e as súas familias
A Consellería de Sanidade está a levar a cabo, en colaboración coas asociacións de pacientes, labores de información, orientación e atención interdisciplinar ás persoas con autismo e as súas familias. Ademais, tamén realiza actividades de sensibilización social.
Neste eido, no ano 2011, acordouse a creación dunha tarxeta sanitaria AA para os pacientes con síndrome de espectro autista e trastornos asociados, atendendo así á solicitude da Federación de Autismo Galicia e as asociacións X-Fragil e Asperga.
Tarxeta sanitaria AA
Esta iniciativa consiste en incluír na parte superior das tarxetas sanitarias destes enfermos as letras AA (dobre A), que significan atención e acompañamento. É dicir, que no transcurso da atención sanitaria os portadores desta tarxeta terán dereito a permanecer acompañados durante todo o proceso de atención, e tamén a que se minimicen os tempos de espera en zonas de agarda colectivas, probas e urxencias, segundo o seu nivel de urxencia.
O obxectivo da dobre AA na tarxeta sanitaria das persoas con espectro autista é facilitar a accesibilidade e mellorar a calidade na asistencia sanitaria, minimizando o impacto ou solventando as limitacións comunicativas que poden ocasionar para estes enfermos determinadas situacións, como acudir a centros sanitarios con moitas persoas e que esixe o contacto persoal de comunicacións cos santiarios.
Doutra banda, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns realiza, dende o ano 2010, diversas actividades co fin de orientar e formar aos familiares e cidadáns para mellorar a calidade no entorno dos afectados, como foros online con expertos a través da web do Sergas (http://www.sergas.es/escolasaude) onde un especialista responde ás preguntas das persoas interesadas; talleres presenciais de formación para familiares e cidadáns sobre os trastornos de espectro autista; elaboración dunha guia de recomendacións para a atención sanitaria a estes pacientes en colaboración coa Federación Autismo Galicia.
Ademais, na web do sergas está dispoñible un pictotradutor, unha ferramenta de comunicación mediante imaxes que facilita a comprensión das mensaxes por parte dos pacientes.
Tamén se acordou coas Estruturas Organizativas de Vigo, Lugo e Santiago, de momento, a colocación de pictogramas incorporados á señaléctica dos centros para facilitar a comunicación destes pacientes co mundo sanitario.
Con motivo da celebración do Día Mundial da Concienciación do Autismo, a Consellería de Sanidade colocará globos azuis e iluminará a súa sede.
Trastorno de espectro autista
O trastorno de espectro autista é unha condición neurolóxica e de desenvolvemento que comeza na nenez e dura toda a vida. Trátase dun proceso de orixe neurobiolóxico no que se implican principalmente causas xenéticas e, en menor grao, procesos adquiridos prenatais o perinatais.
Na actualidade as cifras aumentaron chegando a alcanzar unha prevalenza global maior de 60 casos por cada 10.000 pacientes, téndose en conta todo o espectro autista.