Sanidade inicia o Programa de cribado de cancro colorrectal na provincia de Ourense
A Consellería de Sanidade inicia o Programa de cribado de cancro colorrectal na provincia de Ourense, despois da súa posta en marcha en marzo do 2013 de forma piloto en Ferrol.
Así o anunciou hoxe a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na presentación do Programa en Ourense, onde indicou que o “obxectivo fundamental é previr a mortalidade e reducir a súa incidencia a través dun diagnóstico precoz”.
Este tipo de cancro está entre os tres máis frecuentes en homes da unión Europea e o segundo en mulleres. No caso de Ourense, a taxa de mortalidade por esta causa está por riba da media galega. Así, no 2012 a taxa en homes nesta provincia foi de 44,6 defuncións por 100.000 habitantes e en mulleres de 38, mentres que en Galicia foi de 37,9 e 27,8 respectivamente.
“Non obstante, o incremento de incidencia contrasta cunha mortalidade estabilizada, sen dúbida debido ás melloras nos tratamentos e ao diagnóstivco precoz, como é o obxecto deste programa” subliñou a conselleira.
Ademais, Mosquera anunciou que “introduciranse tamén outras medidas para diminuír a demora diagnóstica, como a implantación e publicitación do circuíto asistencial rápido para pacientes con sospeita de cancro colorrectal ou o establecemento de protocolos asistenciais para pacientes de alto risco”.
Poboación diana do Programa
Seguindo as recomendacións da estratexia en cancro do Sistema Nacional de Saúde, esta iniciativa da Consellería de Sanidade está dirixida ás persoas de risco medio de padecer cancro colorrectal: poboación de 50 ou máis anos sen outros factores de risco persoal ou familiar.
Polo tanto, as bases do programa recollen como poboación obxectivo a homes e mulleres de 50 e 69 anos que, no caso da provincia de Ourense rondan os 87.900. A proba de cribado será o test de sangue oculto en feces, cun intervalo entre exploracións de dous anos.
Os programas de detección precoz mediante o test de sangue oculto en feces conseguen aumentar as taxas de curación dos cancros colorrectais e a supervivencia dos pacientes, así como mellorar a súa calidade de vida e a utilización de tratamentos menos agresivos. Doutra banda, tamén posibilitan diminuír a incidencia desta patoloxía, dado que se detectan e se extirpan as lesións pre malignas evitando que evolucionen a cancro colorrectal.
Así, despois de analizar os resultados obtidos en Ferrol, a Consellería de Sanidade espera que o 52% dos cancros diagnosticados mediante o programa se atopen en estadio I, mentres que sen el unicamente poderían diagnosticarse o 14% neste estadio.
Organización do programa
A partir do mes de abril, estes cidadáns recibirán no seu domicilio unha carta nominal informativa e de invitación a participar. Seguidamente, se lles enviará o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela. Unha vez recollida, a persoa participante deposita a mostra no centro de saúde, onde a remitirán ao laboratorio do hospital de referencia para a súa análise.
As persoas con resultado negativo recibirán unha carta indicando a situación de normalidade e volveráselles invitar no prazo de dous anos. Aquelas que teñan un resultado positivo serán citadas na consulta do seu médico de atención primaria para explicarlles o significado do mesmo e a necesidade de realizar unha colonoscopia para descartar ou confirmar lesións malignas.