Sanidade e Cruz Vermella asinan un convenio marco de colaboración
A Consellería de Sanidade e Cruz Vermella de Galicia veñen de asinar un convenio marco de colaboración dirixido ao deseño e avaliación de programas de promoción do estilo de vida saudable e do envellecemento activo no ámbito da nosa Comunidade Autónoma.
En particular, establécense como principais liñas de fomento: a investigación sobre os hábitos da poboación galega, a súa influencia na saúde, na calidade de vida e no envellecemento activo e os os elementos que inflúen na súa consolidación ou modificación; o deseño de programas de promoción de estilos de vida saudables e de prevención en diferentes colectivos e avaliación da súa calidade; o desenvolvemento de programas divulgativos e de formación para mellorar o coñecemento dos estilos de vida saudables adaptados aos diferentes sectores ou grupos poboacionais; a análise da calidade e eficacia de programas e proxectos xa aplicados ou a desenvolver no eido da promoción do estilo de vida saudable (actividade física, alimentación saudable, etc); e, ademais, a promoción de campañas informativas de promoción de estilos de vida saudables dirixidos aos diferentes grupos de idade.
Esta iniciativa da Consellería de Sanidade se enmarca dentro do seu Plan de Prioridades Sanitarias 2014-2016, referido ao impulso da promoción da saúde e o fomento dos estilos de vida saudables, e destinado á implementación de accións de mellora sobre os principais determinantes asociados ás enfermidades prioritarias, con especial atención aos determinantes da saúde que inflúen, de xeito transversal, en moitas áreas ou problemas de saúde (actividade física, alimentación e tabaco) e no envellecemento activo da poboación.