Sanidade destinará en 2015 un total de seis millóns de euros a trastornos aditivos e saúde mental infanto-xuvenil
A Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde continúan apostando por apoiar o traballo da rede de asociacións. Neste senso, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, anunciou que “temos autorizado os acordos e Convenios polos que o Servizo Galego de Saúde aportará un importe total de case 6 millóns de euros neste ano 2015 ás asociacións sen ánimo de lucro para o desenvolvemento da asistencia a pacientes con trastornos adictivos e saúde mental infanto-xuvenil”
Ademáis, este ano, sinalou, foi posible adiantar a firma dos convenios, o que permitirá ás asociacións moita maior flexibilidade na tesouraría, co obxectivo de facilitarlles o antes posible a liquidez necesaria para poderen exercer o seu labor nas mellores condicións posibles.
O Servizo Galego de Saúde tamén aumentará este ano o anticipo da subvención, que pasa do 10% ao 25%, o que supón un anticipo total de 1,5 millóns de euros.
ASPANEPS recibirá máis de 140.000 euros
O Servizo Galego de Saúde mantén o convenio de colaboración para o ano 2015 coa asociación ASPANEPS, “compromiso que ten a súa tradución directa nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o vindeiro ano, e que xa está firmado” dixo a conselleira de Sanidade. En concreto, neste ano 2015 destínase unha contía de 141.169 euros, “que entendemos debe permitir dispensar unha axeitada atención á poboación de referencia” segundo afirmou.
A conselleira destacou que “somos conscientes que ao longo destes anos temos solicitado esforzos a ASPANEPS, ao igual que a outras entidades, esforzos que se teñen realizado en consonancia cos efectuado tamén polos nosos profesionais, ou polos nosos provedores”.
Mosquera Álvarez destacou que como mostra do compromiso de Sanidade proporcionará ao persoal de ASPANEPS acceso á Historia Clínica Electrónica. Neste senso, técnicos de Sanidade visitaron esta mesma mañán as dependencias de Aspaneps para auditar a viabilidade técnica de facilitar este acceso.
Tamén lembrou que a maior redución orzamentaria anual sufrida nunca por ASPANEPS ao longo da vixencia do convenio de colaboración co Servizo Galego de Saúde produciuse entre os anos 2008 e 2009, orzamentos nos que a minoración, ou recorte, empregando os seus propios termos, resultou directamente, dun 10%.
A asociación ASPANEPS é unha entidade sen ánimo de lucro orientada á atención de saúde mental infantoxuvenil, que ao abeiro do convenio de colaboración co Servizo Galego de Saúde realiza asistencia directa e indirecta aos pacientes, así como apoio e asesoramento a institucións relacionadas co menor e institucións educativas, e información e derivación á rede asistencial naqueles casos que así o precisen.