Sanidade advirte do risco que supón a extracción ilegal e o consumo de moluscos recollidos directamente polo consumidor
A Consellería de Sanidade, a través da súa Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, advirte dos riscos que supón a extracción ilegal e o consumo de moluscos recollidos directamente polo consumidor. Ademais, resalta a importancia de adquirir estes produtos perfectamente etiquetados e identificados procedentes de establecementos autorizados que garanten a súa calidade sanitaria.
Por este motivo Sanidade solicita á cidadanía que extremen as precaucións no consumo dos moluscos, o que implica non adquirilos fóra das vías legais e controladas pola Administración para evitar posibles intoxicacións.
Episodio de biotoxinas
Actualmente, os polígonos de bateas e algunhas zonas marisqueiras están sendo afectados por un episodio virulento de biotoxinas. Cando se presentan situacións naturais adversas como a presenza de toxinas nos moluscos, coñecida popularmente como marea vermella, é preciso prohibir a extracción e comercialización dos produtos das zonas afectadas xa que, aínda que estas toxinas non afectan en absoluto ao bivalvo, si poden ter efectos negativos sobre a saúde do consumidor. Por iso, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, establece os peches dos polígonos de bateas e zonas marisqueiras afectados pola presenza de biotoxinas.