‘Sábados na Praza’ dentro do Verán Cultural de Pantón
- O Concello de Pantón desenvolve durante os meses de xullo e agosto unha ampla programación cultural e de lecer para todos os públicos
As actividades comezan este venres, día 1 de xullo, coa posta en marcha dos Campamentos de Verán, que este ano desenvolveranse en 4 quendas, durante dous meses en horario de 10:00 a 14:00. “Levamos desde o ano pasado loitando por uns bos campamentos porque tamén é un investimento moi forte, ter campamentos tanto tempo con tantos monitores. O ano pasado foi mes e medio e este ano conseguimos máis tempo grazas á colaboración da Xunta que ten plans de conciliación moi bos,” sinala a concelleira de cultura de Pantón, Cristina Domínguez.
Están cubertas as 50 prazas ofertadas, “no verán en Pantón hai moitas nenas e nenos que veñen de vacacións a onde os avós e tamén temos que conciliar aos avós. En Pantón temos moita xente que pasa o verán na aldea, na casa dos avós. Hai un repunte importante da poboación, unhas 15 prazas dos campamentos son de nenos de vacacións que repiten de ano en ano.”
Sábados na Praza
Durante os sábados de xullo e agosto a partir das 23:00 a Praza do Concello de Pantón acollerá algunha actividade cultural, coa seguinte axenda:
- Día 2 de xullo, Rocketeamos Todas con Pakolas. (Ler conta moito).
- Día 9 de xullo, Diario de dúas músicas do século XXI. (Ler conta moito).
Estas actividades están máis orientadas ao público infantil, aproveitando que nas tardes e noites do verán fórmase un bo grupo de nenos xogando na praza, para darlles máis opcións de lecer.
- Día 15 de xullo, Live is life. Proxectarase a película do director monfortino, Dani de la Torre, que conta con moitos escenarios de Pantón. Esta actividade faise en venres porque o sábado, 16 de xullo, celébrase a Batalla de Grupos do Trece Roeis Fest.
- Día 23 de xullo, concerto da fadista, Iria Estévez.
- Día 30 de xullo, concerto dos galegos de The Tetas´ Van.
- Día 6 de agosto, espectáculo Círculo de Lume, onde se mesturan danza e acrobacias nun espectáculo con lume.
- Día 27 de agosto, concerto do cantante e compositor, Xan Curiel. Este concerto será ás 22:00h.
Estas actividades programámolas ás 23:00 porque a xente está na piscina ata as 21:00, logo cean e despois dámoslles unha escusa para achegarse á praza a pasar un momento agradable con diferentes propostas. O último sábado de agosto facémolo ás 22:00 porque se fai de noite máis cedo. Os dous sábados que quedan no medio non programamos nada porque no primeiro son as festas de Monforte e no segundo temos en Pantón o Trece Roeis e as festas
, aclara Cristina Domínguez.
O 1 de xullo abre a Piscina Municipal
O venres, 1 de xullo, abre a Piscina Municipal de Pantón. As instalacións que estarán atendidas por dous socorristas permanecerán abertas todos os días en horario ininterrompido de 13:00 a 21:00h. O prezo da entrada será de 1,50€ e menores de 16 anos non teñen que pagar nada.