Rubiá, Petín e Vilamartín comezan a campaña de compostaxe doméstica da mán da Deputación de Ourense
Rubiá, Petín e Vilamartín comezan a campaña de compostaxe doméstica da mán da Deputación de Ourense que ten como obxectivo a divulgación e sensibilización da poboación en materia de residuos e separación en orixe
A Deputación de Ourense xunto con Sogama (Sociedade Galega de Medio Ambiente), inicia este mes de novembro a “Campaña de Compostaxe Doméstica 2014” en vinte concellos da provincia de Ourense que teñen a súas competencias delegadas na Deputación: Amoeiro, Baltar, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, O Carballiño, Castrelo de Miño, A Gudiña, Lobeira, Muíños, Petín, Pobra de Trives, Ribadavia, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, Sarreaus, Trasmiras e Vilamartín de Valdeorras.
A campaña realízase en colaboración coa antedita sociedade, participada pola Xunta de Galicia, xa que ambas administracións traballan dende fai anos na liña do cumprimento dun dos obxectivos que determina o Plan Xeral de Residuos Municipais de Galicia: a divulgación e sensibilización da poboación en materia de residuos e separación en orixe.
Esta iniciativa permite darlle continuidade a anteriores campañas promovidas pola Deputación de Ourense, dende o ano 2010, e máis concretamente naqueles concellos con menor numero de composteiros. Desta forma, a pretensión é acadar como mínimo o 1,5 % de participación en todos os municipios e equilibrar esta porcentaxe entre eles.
A empresa Todoverde xunto coa Deputación de Ourense levaran a cabo as xornadas de formación e entrega de composteiros a cada un dos participantes e farase un seguimento con dúas visitas para comprobar en cada lugar que se esta a realizar adecuadamente o proceso, e en caso contrario poder emendar os problemas.
Dende o ano 2010 a Deputación de Ourense leva realizado campañas de compostaxe nos 49 concellos aos que lles presta o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos. O éxito acadado co programa de compostaxe doméstica permite estendelo a novos concellos para que poidan beneficiarse das vantaxes ambientais, económicas e sociais que trae consigo a compostaxe caseira, pois, a reciclaxe da materia orgánica en orixe, ademais de dar como resultado un abono natural de excelentes propiedades fertilizantes para o solo (xardíns, hortas e terras de cultivo), permite diminuír a frecuencia de recollida do contedor convencional, entregando menos toneladas de lixo a Sogama e, polo tanto, reducindo o importe da factura a pagar a esta entidade pública. Tamén, dende a perspectiva social, evítanse os continuos desprazamentos que a poboación do rural debe realizar aos contedores, pechando así o ciclo de aproveitamento dos restos orgánicos nos propios fogares.