Rubiá gaña o Concurso de Cartaces para difundir ‘As Letras de Florencio’

  • O CEIP Virxe do Camiño de Rubiá gaña o Concurso de Cartaces de Política Lingüística para difundir As Letras de Florencio
  • Os deseños do alumnado serán impresos e distribuidos por colexios de toda Galicia xunto cunha guía didáctica destinada a alumnado de Infantil e Primaria

O CEIP Virxe do Camiño de Rubiá ten 49 alumnos e alumnas.

 

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo público o nome do centro gañador do concurso de cartaces das Letras Galegas 2022 e que na categoría de Infantil e Primaria recaeu no CEIP Virxe do Camiño de Rubiá. A directora do centro, Andrea Tato, explicou que xa se presentaran noutras ocasións pero que no caso de Florencio puideron poñer en valor o traballo feito durante anos para difundir ao autor valdeorrés:

Colaboramos co proxecto das Letras para Florencio dende o inicio así que estabamos moi familiarizados coa potencialidade da súa obra para traballar na escola, hai moita Valdeorras neses debuxos e estamos moi contentos, claro.

 

Os cartaces son trinta pezas de gran formato deseñados dez pola rapazada e distribuiranse cunha unidade didáctica elaborada tamén polo centro. Ata que sexan distribuidos pola Xunta non poden amosalos e tiveron que retiralos das súas publicacións en Internet para que permanezan inéditos. Ademais da satisfacción polo recoñecemento, o premio está dotado con 2.000€ que planean invertir en equipamento tecnolóxico para fomentar a creatividade.

 

Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, celebrou tamén que o premio recaera nun centro educativo da comarca destacando que ten unha forte visibilidade xa que os cartaces estarán nas paredes de tódolos centros educativos de Infantil e Primaria de Galicia. Álvarez lamentou que o concurso de secundaria quedase deserto se ben destaca que «os centros educativos son unha peza fundamental da celebración da Letras Galegas e da transmisión da nosa lingua e hai que agradecer a súa implicación e incentivala con concursos coma este».

También te podría gustar...