Román Rodríguez visita o alumnado que participa nas estadías de inmersión lingüística no centro de excelencia dos Peares

image_gallery (3)

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou o venres á mañá, no complexo educativo de Os Peares, ós alumnos e alumnas que están participando no programa de estadías de inmersión lingüística en lingua inglesa promovidos polo Goberno galego e que se enmarcan dentro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Un total de 63 rapaces e rapazas de 1º e 2º de Bacharelato de toda Galicia -atendidos por 15 profesores nativos e monitores- están participando desde o pasado domingo nestes campamentos, nos que as actividades educativas para mellorar as competencias en lingua inglesa se completan con outras de carácter lúdico para poñer en práctica o uso deste idioma en situacións reais. Trátase, por tanto, de que o alumnado poida desenvolver a súa comunicación en inglés nun contorno real, estimulando a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite o ámbito escolar.

Na visita ao centro, o conselleiro de Cultura e Educación estivo acompañado do delegado xeral en Galicia do Grupo Gas Natural Fenosa, Manuel Fernández Pellicer; do director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e das xefas territoriais da Consellería en Lugo e Ourense, Maria Carmen Gueimunde e Mercedes Gallego, respectivamente.

Preto de 700 prazas para este verán
A estadía nos Peares súmase ás que tamén se desenvolven nos Centros Residenciais Docentes da Coruña e de Vigo, neste caso para alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO.

Por tanto, en total convocáronse para este verán 682 prazas, das cales 590 son para estudantes de secundaria en réxime residencial en Galicia, mediante estadías de dúas semanas con profesorado nativo. As 92 restantes van dirixidas a alumnos e alumnas de Bacharelato, para mellorar as súas competencias en inglés, con estadías dunha semana en réxime residencial.

A estas prazas hai que sumar arredor doutras 300 máis convocadas para estadías que, como cada ano, se levarán a cabo en outono, entre os meses de novembro e decembro.

Contacto idiomático
O obxectivo desta iniciativa, enmarcada no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, non é só que o alumnado unha lingua estranxeira, senón que este o poñan en práctica durante todo o día nas diversas actividades previstas entre as que se inclúen obradoiros de teatro, actividades deportivas, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado.

También te podría gustar...