Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta de Galicia cos retos do ensino na era dixital na presentación do E-Dixgal aos centros que se incorporan este curso á iniciativa
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou onte á mañá no acto de benvida ao E-Dixgal aos centros que se incorporan neste curso 2015/2016 a este proxecto de contidos curriculares dixitais. Neste acto, no que estivo acompañado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; salientou o compromiso da Xunta de Galicia cos retos que o ensino plantexa na era dixital e que supoñen, ao tempo, unha oportunidade para o cambio nas metodoloxías. Neste sentido, sinalou o E-Dixgal como unha ferramenta única a prol da equidade e do peche da brecha dixital, dado que no proxecto participan tanto centros rurais como urbanos.
O conselleiro sinalou que en tan só dous cursos se implicaron nesta iniciativa 104 centros educativos de toda Galicia. Ademais, 5 centros decidiron este curso ampliar a súa participación, pasando de contar co E-Dixgal só en primaria a solicitalo tamén para a etapa de secundaria. Así as cousas, o previsto é que neste vindeiro curso os materiais dixitais, que son totalmente gratuítos para as familias, cheguen a uns 6.000 alumnos e alumnas de 5ºe 6º de primaria e 1º de ESO. “Agardamos que o proxecto siga crecendo nos próximos anos ata uns 22.500 alumnos”, sinalou Román Rodríguez.
Cómpre lembrar, así mesmo, que un dos requisitos fundamentais para poder participar nesta iniciativa é pertencer á rede de centros Abalar, a estratexia desenvolvida polo Goberno galego para a dixitalización das aulas. Catro anos despois da súa posta en marcha, Abalar posibilitou xa que 52.000 alumnos de 531 centros estuden en aulas dixitais; e está xa en marcha a dixitalización do total das do alumnado dos 6 últimos cursos do ensino obrigatorio en centros públicos (5º e 6º Primaria e toda a ESO).