Román Rodríguez presenta no Gaiás a programación da Xunta para as Letras Galegas 2015, dedicado a Xosé Filgueira Valverde
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou onte na sala Eisenman do Gaiás a programación promovida pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2015, dedicadas ao autor e intelectual pontevedrés Xosé Fernando Filgueira Valverde. Persoeiro que, en palabras do titular de Cultura, “atesoura as calidades do humanista. Polígrafo meticuloso, estudoso esforzado, divulgador incansable, Filgueira puxou pola lingua, pola literatura e pola cultura galega desde todas as institucións nas que participou ou dirixiu desde mediados da década dos 20 até o seu pasamento, deixando unha fonda pegada en cada proxecto no que participou.”
Así mesmo, Rodríguez destacou que desde a Xunta de Galicia “considérase fundamental apoiar e colaborar no coñecemento e valoración deste prolífico autor, así como coa difusión da súa obra, importante tanto en termos cuantitativos –escribiu máis de 300 libros e folletos e máis de 1.000 artigos, e impartiu máis de 1.600 conferencias− como cualitativos.”
A programación inclúe distintas edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións, a exposición itinerante ‘Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’, audiovisuais, webs monográficas e micrositios, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra filgueiriana nas bibliotecas de Galicia. Actualmente, hai 25 actividades pechadas nos centros que configuran a Rede de Bibliotecas de Galicia entre mostras, obradoiros, eventos lúdicos, actividades dos clubs de lectura, representacións teatrais e concursos.
Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, participaron na rolda de prensa o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo Romero; o presidente da Fundación Filgueira Valverde, Fernando Filgueira Iglesias; a deputada provincial de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e a directora da TVG, Rosa María Vilas Núñez. Igualmente, estiveron presentes Anxo Lorenzo e Valentín García, secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, respectivamente.
‘Un faro na construción de Galicia’
En canto ás principais actuacións de difusión social cómpre destacar a exposición ‘Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’. Comisariada por Carlos Valle e organiza conxuntamente pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, esta mostra levará por Galicia adiante a figura intelectual e humana de Filgueira. A itinerancia pola provincia de Pontevedra será auspiciada pola Deputación Provincial e, a partir do vindeiro 27 de abril, chegará da man de Cultura e Educación a outros trece puntos das restantes provincias galegas.
En paralelo á exposición, a Secretaría Xeral de Política Lingüística programará nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística que acollan a exposición unha xincana lingüística escolar para que mozos e mozas se acheguen á figura de Filgueira dun xeito lúdico e participativo.
Outra actuación relevante de difusión social do Día das Letras é o espazo web monográfico ao autor www.filgueiravalverde.galnova venta, que xa está activo desde hoxe e que ofrece unha completa selección de materiais e textos descritivos e informativos a disposición de toda a cidadanía. Este portal ponse en marcha coa colaboración coa propia Fundación Filgueira Valverde.
Do mesmo xeito, na Cidade da Cultura téñense prográmanse dúas exposicións. Por unha banda, a Biblioteca de Galicia ofrecerá, entre o 1 de abril e o 31 de maio, a exposición ‘Xosé Fernando Filgueira Valverde, vida e obra’, na que se abordarán diversos aspectos significativos da súa traxectoria e o seu labor como editor a través da editorial Bibliófilos Gallegos. E por outra, no Arquivo de Galicia poderase ver a mostra “Poesía galega postrobadoresca: o Cancioneiro de Afonso Paez”, dedicada de xeito monográfico ao interese do homenaxeado pola investigación filolóxica e a literatura medieval galego-portuguesa.
Para concluír a epígrafe dedicada á difusión social das Letras, o conselleiro fixo fincapé “na importante colaboración das empresas nesta celebración”. “Eroski, Feiraco e Gadisa, entre outras, −explicou Román Rodríguez− participan do 17 de maio publicitando os seus produtos e servizos, outorgándolle maior visibilidade social á conmemoración desta data.”