Román Rodríguez asina convenios coa ONCE para actuacións en materia de normalización lingüística e en prol da educación inclusiva
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinou onte dous convenios coa Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), a través dos que se lle facilita o acceso á escolarización ao alumnado galego atendendo á súa diversidade e ás súas necesidades específicas e mais favorecendo a inclusión educativa.
Un destes acordos terá como finalidade a transcrición, a gravación e a adaptación de libros editados en lingua galega solicitados polos seus afiliados, coa finalidade de facilitar e fomentar entre os seus membros a lectura, o estudo e o traballo en galego co pleno respecto á normativa sobre propiedade intelectual. O outro refírese á contratación de seis profesores pertencentes ao corpo de mestres, especializados na atención do alumnado con cegueira ou discapacidade visual grave.
O acto de sinatura celebrouse esta tarde no Centro de Recursos educativos da ONCE en Pontevedra, que o conselleiro tivo a oportunidade de percorrer acompañado polo director do centro, José Ángel Abraldes, polo delegado territorial da organización, Manuel Martínez Pan, e polo presidente do Consello territorial de Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro.
Normalización lingüística
En prol da implantación do uso do galego en todos os ámbitos sociais, ambas as dúas entidades rubricaron o acordo de colaboración para desenvolveren durante o ano en curso un programa de normalización lingüística no que se inclúen diversas actuacións de interese xeral para impulsar a promoción do uso da lingua galega desde a ONCE.
Coa sinatura deste convenio, a ONCE adaptará ao braille e traducirá ao galego, como mínimo, cinco dos libros de texto que sexan solicitados polos seus afiliados e contará coa colaboración e o asesoramento técnico (lingüístico e terminolóxico) da Secretaría Xeral de Política Lingüística no desenvolvemento das actividades recollidas no acordo. Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística porá á disposición da ONCE materiais destinados á aprendizaxe do idioma propio de Galicia.
Docentes especializados
O segundo acordo supón a renovación da colaboración para prestar atención personalizada a alumnos con discapacidade visual, a través da contratación de seis profesores pertencentes ao corpo de mestres, especializados na atención do alumnado con cegueira ou discapacidade visual grave, que se integrarán nos equipos específicos da ONCE. Deste acordo veranse beneficiados no curso 2015/2016 un total de 357 estudantes de educación primaria e mais de 1º e 2º da ESO de toda Galicia.
O convenio supón un claro apoio ao labor educativo desenvolvido pola ONCE que, pola súa parte, pon a disposición do alumnado mestres, traballadores sociais, psicólogos, un pedagogo, persoal técnico de rehabilitación, persoal instrutor tiflotécnico, animadores socioculturais, un coordinador deportivo, especialistas en núcleos periféricos, especialistas de emprego, especialistas de música e un mestre destinado á investigación e á formación.
O acordo contempla tamén a colaboración para a transcrición e gravación a braille dos libros de texto e dos materiais curriculares.