Román Rodríguez anuncia o encargo do proxecto para a primeira fase da rehabilitación da ponte romana de Ourense, en colaboración con Medio Ambiente e Infraestruturas
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá que o seu departamento xa encargou o proxecto para a primeira fase da rehabilitación da Ponte Romana de Ourense. Unha obra que terá – nesta primeira etapa- un orzamento duns 400.000 euros e que será executada en colaboración entre os departamentos de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e Cultura e Educación da Xunta de Galicia.O investimento total previsto ascende a preto dun millón de euros. O obxectivo é licitar neste mesmo ano as obras da primeira fase.
Segundo explicou o conselleiro trátase dunha importante actuación para a conservación e posta en valor dunha xoia do patrimonio cultural galego que é, ademais, un dos símbolos principais da cidade de Ourense, xunto coas Burgas e a Catedral de san Martiño. Neste sentido lembrou que a Ponte foi declarada Ben de Interese Cultural no ano 1961, e que mesmo está presente no escudo da cidade e da provincia.
Román Rodríguez explicou, ademais, que a actuación inicial de limpeza desta infraestrutura que ten previsto realizar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezará despois de Semana Santa.
A primeira fase da rehabilitación ten como obxectivo atender a aqueles puntos ou zonas con patoloxías máis graves – co fin que os traballos de limpeza teñan maior durabilidade no tempo- para o que se repararán, entre outros, encintados e retacados. Así mesmo, contémplase a reparación dalgún oco que existe na fábrica, a causa de roturas de pezas construtivas ou falta de cantarías; así como a reparación dalgún punto do pavimento e a retirada da tubaría de abastecemento engrapada á ponte. Finalmente renovarase a iluminación da zona peonil, substituíndo as actuais luminarias por outras novas.
A segunda fase abranguerá tamén a contorna da ponte, así como reparacións nos arcos 1 e 5 desta infraestrutura, entre outras actuacións.
Durante a súa visita á Ponte Romana o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez; e polo alcalde, Agustín Fernández; entre outras autoridades.