Rogelio Martínez visita o Centro Valverde de Allariz
Rogelio Martínez visita o Centro Valverde de Allariz que imparte na actualidade cinco cursos de formación para o emprego dirixidos a 75 alumnos.
- O delegado territorial da Xunta en Ourense salientou o labor deste centro, extensión do CIFP “Santa María de Europa”, dirixido á inserción laboral dos mozos e mozas.
- Dende a súa posta en marcha, estas instalacións foron pioneiras ao ofrecer no mesmo edificio vivenda tutelada, cursos formativos e oficina para o recoñecemento das competencias profesionais
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar Social, José Selas, visitou esta mañá o centro Valverde, no concello ourensán de Allariz, dependente de Traballo e Benestar, onde na actualidade se están a celebrar cinco cursos AFD coa participación de 75 alumnos.
Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, floraría, albanelería e atención socio sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e cociña son as materias ofrecidas nestes cursos.
Rogelio Martínez explicou que estas accións formativas son o instrumento do Goberno galego para ofrecer ás persoas desempregadas unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo, capacitándoas para traballar en sectores laborais que presentan uns niveis de empregabilidade máis altos.
Para o ano 2014 programáronse neste centro, extensión do centro integrado de Formación Profesional (CIFP) “Santa María de Europa” de Ourense, un total de 9 cursos de formación para o emprego dirixidas a un total de 135 alumnos e alumnas.
Instalacións pioneiras
O centro Valverde foi o primeiro en funcionar en Galicia compartindo nas súas instalacións unha vivenda tutelada cun centro de formación para o emprego. Os menores tutelados acoden aos cursos formativos no mesmo centro onde viven, se ben tamén participan nasactividades formativas outros adultos seleccionados entre os demandantes de emprego.
Este centro tamén acolle unha oficina para o asesoramento e a avaliación da acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral.
O centro de Allariz, é unha extensión do CIFP “Santa María de Europa” da capital, no que ao longo deste ano se impartirán un total de 30 cursos dirixidos a 450 desempregados e desempregadas.
En total, na provincia de Ourense este ano ofertaranse 144 cursos AFD que sumarán 81.992 horas de formación e das que se beneficiarán 2.160 persoas desempregadas. Nestas accións formativas o departamento que dirixe Beatriz Mato investirá 8.417.547 euros.
Os programas de formación que integran a oferta da Dirección Xeral de Emprego e Formación están normalizados, actualizados e adaptados ás esixencias do mercado de traballo, ao igual que os de anos anteriores.
Así mesmo, estes programas teñen un referente común de competencias en materia educativa e laboral porque foron elaborados en función das cualificacións profesionais existentes.