Rogelio Martínez visita aos maiores que participan no programa xuntos polo Nadal na residencia tempo libre de Carballino
Rogelio Martínez visita aos maiores que participan no programa xuntos polo Nadal na residencia tempo libre de Carballino.
O programa “Xuntos polo Nadal” promovido pola Secretaría Xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar comeza a desenvolverse hoxe e ata o 2 de xaneiro na Residencia Tempo Libre do Carballiño (Ourense) e na de Panxón (Pontevedra). Convocouse, un ano máis, para que aquelas persoas que se atopen soas no Nadal podan pasar estas datas, entrañables e cun marcado carácter familiar, acompañadas doutras que se atopan na mesma situación.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, achegouse ata a Residencia do Tempo Libre do Carballiño para visitar aos máis de 100 maiores procedentes das provincias da Lugo e Pontevedra que viven sos e que viñeron a este centro para pasar acompañados o Nadal, ao abeiro desta campaña.
Os maiores pasarán un total de 11 días e 10 noites neste centro celebrando aquí as festas de Noiteboa, Nadal e Noitevella. O programa practicamente non ten ningún custo para o usuario. Os participantes cuns ingresos inferiores ao IPREM asisten de forma gratuíta a esta iniciativa e os resto de participantes colaboran co pagamento da estadía cunha achega de 50 euros. Alí, disporán de aloxamento en pensión completa, de actividades de animación sociocultural e contarán cunha póliza colectiva de seguros, ademais do referido transporte ata os puntos de chegada e partida.
Entre as actividades nas que poden participar podemos destacar xogos populares, karaoke, bailes de salón, ximnasia e visitas guiadas pola zona.
Para a selección dos participantes deuse prioridade aos que realmente viven sos e non teñen con quen pasar estas datas; teñan un menor nivel de ingresos económicos; non participaran neste ano en ningunha quenda do programa de Benestar en balnearios nin en pasadas edicións do programa Xuntos polo Nadal; e, por último, tiveron preferencia as persoas con máis idade.