Rogelio Martínez, presidiu o acto de entrega dos Pratos de Ouro que concede a entidade Radio Turismo ás casas rurais e restaurantes de Galicia
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presidiu o acto de entrega dos Pratos de Ouro que concede a entidade Radio Turismo ás casas rurais e restaurantes de Galicia, celebrado este serán no marco da 16ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2015. Estes galardóns, creados en 1985, teñen como filosofía incentivar aos profesionais do sector e recoñecer o seu bo facer. A carta, a presentación do menú, a adega ou o servizo prestado son algúns dos criterios que se teñen en conta á hora de outorgar estes premios.
Nesta edición, un restaurante de Ourense e outro de Lugo, resultaron premiados cos pratos de ouro. Na provincia ourensá distinguiuse ao establecemento Asador’s Jose de Riós, mentres que Porta de Santiago de Lugo foi o restaurante lucense. Ademais, tamén foi distinguido o restaurante Azores-grill de Punta Delgada das portuguesas Illas Azores.
Canto a modalidade de casas rurais, os galardóns recaeron en: Casa Vilamor da localidade lucense de O Saviñao e Casa Vila Centellas emprazada na localidade ourensá de Coles.
Rogelio Martínez incidiu en que a gastronomía é a segunda motivación pola que os turistas escollen Galicia como destino e na importancia da calidade dos establecementos e a formación dos profesionais á hora de posicionar un destino enogastronómico.
O máximo representante da Xunta subliñou “o traballo e o compromiso coa calidade amosados ao longo de anos” dos establecementos galegos que veñen de ser premiados na xornada de hoxe cos Pratos de oro de Radio Turismo.
Martínez asegurou que os galardoados “amosan coa súa traxectoria e cuns servizos de calidade recoñecida que a restauración e a hostalería poden ter un frutífero recorrido empresarial”. Ademais convidounos a seguir facendo “arte en cada prato” e a contribuír ao “mantemento e mellora da boa sona de Galicia, nos círculos gastronómicos,e polo tanto turísticos, e polo tanto culturais de todo o mundo”.
No transcurso do acto, tamén foron entregadas as Medallas de Ouro a distintas empresas y personalidades que teñen traballado na defensa da calidade da gastronomía e a hostalería españolas e na promoción do turismo.