Rogelio Martínez mantén un primeiro encontro institucional co novo alcalde do concello ourensán de Sandiás
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, recibiu onte á mañá no seu despacho ao novo alcalde do concello ourensán de Sandiás e líder da agrupación veciñal Agrelsan, Felipe Traveso. O propósito desta visita, como lle explicou Martínez ao novo rexedor deste municipio, é “coñecer aos alcaldes que exercerán o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.
Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como a necesidade dunha nova brigada antiincendios plantexada polo rexedor. Aínda así, o máximo representante da Xunta en Ourense asegurou que “estes asuntos analizarémolos máis polo miúdo en próximos encontros para afondar en cuestións de relevancia para o concello e o conxunto dos seus veciños”.
Rogelio Martínez lembrou que nos últimos cinco anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de máis de 1,3 millóns de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Sandiás máis de 910.000 euros en materia de subvencións; 395.000 euros en convenios; e 1.570 euros pertencentes a outras actuacións.
O delegado territorial recordou que Administración autonómica puxo en marcha, durante estes pasados anos, numerosos proxectos neste concello como a mellora da praza principal, o soterramento de instalacións eléctricas de baixa tensión e iluminación pública, o acondicionamento de camiños agrarios da zona Rede Natura 2000, a mellora da capa de rodadura de diversas rúas, a conservación da pista do hipódromo de Antela, a cubrición do polideportivo de Sandiás, a posta en marcha de obradoiros de emprego ou a mellora dos servizos ofertados pola escola infantil municipal.
Finalmente, Martínez fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos e Xunta de Galicia”.