Rogelio Martínez mantén un primeiro encontro institucional co novo alcalde do concello ourensán de Pinor
- O delegado territorial da Xunta analizou con José Luis González temas relativos ás necesidades de mellora de infraestruturas
- Martínez destacou a colaboración da administración autonómica con este concello, facendo referencia a proxectos do último ano como a mellora de infraestruturas de uso público, ou a posta en marcha dun curso de formación para desempregados
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, recibiu esta mañá no seu despacho ao novo alcalde do concello ourensán de Piñor, José Luis González. O propósito deste encontro, como lle explicou Martínez ao novo rexedor deste municipio, é “coñecer aos alcaldes que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.
Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse algúns proxectos de infraestruturas viarias e ambientais plantexados polo rexedor. Aínda así, o máximo representante da Xunta en Ourense asegurou que “estes asuntos analizarémolos máis polo miúdo en próximos encontros para afondar en cuestións de relevancia para o concello e o conxunto dos seus veciños”.
Rogelio Martínez lembrou que no último ano o municipio de Piñor recibiu do Goberno galego achegas por un importe de máis de 250.000 euros, que posibilitaron a mellora de infraestruturas de uso público, de estradas e de alumeado público, a posta en marcha dun curso formativo para desempregados, o funcionamento dunha brigada de incendios e o equipamento do centro social, entre outras actuacións.
Finalmente, Martínez fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello, insistindo nas “vantaxes da colaboración entre as distintas institucións, xa que aunando esforzos pódense levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns.”