Rogelio Martínez inaugura unha xornada que analiza a lexislación sobre o viño organizada pola Asociación Galega de Enólogos
A adega Casal de Armán, emprazada na comarca ourensán do Ribeiro, acolleu esta mañá unha xornada que analizou aspectos da lexislación sobre o viño organizada pola Asociación galega de enólogos.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, inaugurou a xornada destacando a importancia do sector vitivinícola en Galicia. “A viticultura ten un carácter estratéxico recoñecido en todo o territorio nacional”, asegurou Martínez, “polo que temos que ser quen de facer cumprir a lexislación para protexer e potenciar a súa produción, apostando por un servizo de control da calidade e fraudes eficaz para evitar o desprestixio do sector”.
O delegado territorial, na súa intervención, apostou pola colaboración estreita do servizo de calidade alimentaria e o propio sector co obxectivo de favorecer un mellor posicionamento dos caldos galegos nos mercados nacional e internacional.
Na xornada, co presidente da Asociación galega de enólogos, Luis Buitrón, participaron o inspector de Calidade da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar, Antonio Troitiño, e a directora da Estación Enolóxica de Haro-A Rioxa, Montserrat Iñiguez. Analizáronse aspectos como a situación actual sobre o control en adega canto ás entradas e saídas, embotellados e procesos de elaboración, ademais das declaracións de existencias, produción ou acidificación. Tamén se debateu sobre os problemas máis importantes de defectos analíticos nos viños destinados á exportación e os mecanismos de control.