Rogelio Martínez entrega os diplomas de formación a 45 desempregados da comarca de Valdeorras que participaron en 3 cursos impartidos por AEVA
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado de entregar os diplomas dos cursos de accións formativas para desempregados (AFD) que o ano pasado a Consellería de Traballo e Benestar outorgou á Asociación de empresarios de Valdeorras (AEVA) presidida por Javier Rodríguez Paradelo, quen tamén asistiu ao acto.
Un total de 45 alumnos, achegados dos distintos concellos incluídos na comarca de Valdeorras, beneficiáronse de 3 cursos AFD financiados polo departamento que dirixe Beatriz Mato. Os desempregados que participaron nestes cursos formáronse en xestión contable e xestión administrativa para auditoría, xestión integrada en Recursos Humanos e formación turística local e información ao visitante.
No transcurso do acto de entrega de diplomas, Martínez subliñou que o obxectivo prioritario deste programa é a inserción e reinserción laboral das traballadoras e traballadores desempregados naqueles sectores estratéxicos que require o sistema produtivo e que requiren as empresas.
O delegado territorial salientou a importancia da formación como “aspecto clave para conseguir o obxectivo final de reducir as taxas de desemprego”. Rogelio Martínez engadiu que as administracións públicas “debemos achegar a formación necesaria e adaptala ás demandas do mercado laboral”.
Estas accións formativas son o instrumento da Xunta de Galicia para ofrecer, segundo indicou Martínez, “a persoas desempregadas unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo, capacitándoas para traballar en sectores laborais que presentan uns niveis de empregabilidade máis altos”.
Rogelio Martínez felicitou aos alumnos e alumnas pola consecución destes cursos formativos e desexoulles que o título obtido “sirva para conseguir o traballo que esperades”. Asimismo, anunciou que a Xunta prevé beneficiar este ano con estas accións formativas a máis de 10.000 desempregados. Estas axudas compleméntanse con outros programas innovadores dirixidos a colectivos específicos dedicados á formación dos desempregados.