Rogelio Martínez clausura coa entrega de diplomas os 3 obradoiros de emprego organizados na comarca de Celanova
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, participou hoxe no acto de clausura e entrega de diplomas dos tres obradoiros de emprego postos en marcha o pasado mes de agosto na comarca de Celanova. Nestas iniciativas, “San Rosendo segue o camiño”, “Río Arnoia I” e “Terras de Celanova III”, participaron un total de 62 desempregados procedentes dos concellos de A Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea. No acto, que se celebrou no claustro do mosteiro de Celanova, tamén estiveron presentes os rexedores dos concellos participantes nestes obradoiros.
Rogelio Martínez, na súa intervención, destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.
Desenvolvemento turístico
Creación e xestión de viaxes combinados e eventos, xestión de marqueting e comunicación, implantación e animación nos espazos comerciais e creación e xestión de microempresas son as disciplinas nas que os 20 alumnos e alumnas do obradoiro “San Rosendo segue o camiño” se formaron durante os seis meses que durou o programa. Durante este tempo deseñaron un plan de dinamización e concienciación na sociedade dos concellos de Celanova, Bande e Verea –integrantes do proxecto- e crearon un equipo multidisciplinar para liderar o deseño deste plan para lograr implicar á iniciativa privada no desenvolvemento turístico dos tres concellos tomando como nexo o Camiño de San Rosendo.
No obradoiro organizado conxuntamente polos concellos de Cartelle, Ramirás e A Merca “Río Arnoia I” impartíronse módulos de albanelería, viverismo e xardinería. Contou con 21 alumnos que mantiveron e conservaron os xardíns municipais, puxeron en marcha viveiros para a produción de plantas ornamentais e de horta, e executaron a segunda fase da restauración da escola da Facha, en Ramirás.
Por último, os 21 alumnos participantes no obradoiro “Terras de Celanova III” -promovido pola Mancomunidade Terra de Celanova- recibiron formación en atención xeriátrica e asistencia doméstica, para de seguido poñer en práctica os seus coñecementos en domicilios dos oito concellos que integran este ente supramunicipal.
Dende o mes de agosto desenvolvéronse na provincia de Ourense 13 obradoiros de emprego nos que se agrupan 40 concellos e que benefician a un total de 339 persoas desempregadas: 263 alumnos e alumnas e 79 persoas como persoal directivo, docente e administrativo.
O departamento autonómico que dirixe Beatriz Mato destinou a estes programas preto de 2,3 millóns de euros. “Este esforzo enmárcase na aposta do Goberno galego por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral”, apuntou Rogelio Martínez.