Rodil e Presas piden que ‘Galiza recupere as competencias sobre as concas hidrográficas’
- Olalla Rodil e Noa Presas sinalaron que “a presenza do BNG no congreso é fundamental para que non volvan darse atentados contra os nosos ríos como o da Fábrica da Luz”
- Para o BNG “a dependencia de Galiza do Estado non deixa de lastrar os nosos recursos tanto económicos como naturais”
As candidatas polo BNG ao Congreso nas circunscricións de Ourense e Lugo reivindicaron onte dende Lugo, a necesidade de que Galiza recupere as competencias sobre as concas hidrográficas galegas. Para o BNG “a dependencia de Galiza do Estado non deixa de lastrar os nosos recursos tanto económicos como naturais” e por iso, segundo Olalla Rodil e Noa Presas, “a presenza do BNG no congreso é fundamental para que non volvan darse atentados contra os nosos ríos como o da Fábrica da Luz”.
No acto simbólico, feito ao pé do espigón existente do río Miño á altura das Saamasas, ámbalas dúas candidatas estiveron acompañadas de cargos orgánicos e institucionais do BNG. Con cartaces nos que figuraba o lema Gobernemos Nós os Nosos Ríos, as candidatas do BNG lembraron que “é unha reivindicación historíca do BNG recuperar as competencias, para Galiza, sobre a conca hidrográfica do Miño e do Sil”.
Pola súa banda a candidata por Ourense, Noa Presas, apuntou que “a colisión entre as diferentes administracións, e o feito de que sexa dende Madrid dende onde se decide o que se fai sobre os nosos ríos incrementa o dano sobre os nosos recursos” e engadiu que “a dependencia de Galiza do Estado non deixa de lastrar os nosos recursos tanto económicos como naturais”.
Olalla Rodil, candidata por Lugo, explicou que “fixemos este acto de xeito conxunto por que hai moitas cuestións que afectan a Lugo e a Ourense e tamén para rachar coa esa división artificial das provincias, por que temos moitísimas problemáticas conxuntas”. “Temos que denunciar este tipo de obras e decisións xa que son inadmisibeis e sumámonos aos colectivos ecoloxistas e sociais que levan moitos meses a defender o río” sinalou Olalla Rodil.
Rodil criticou o feito de que a Confederación Hidrográfica e as outras administracións actuaran “unha vez producido o dano e acumulando unha serie de informes, sancións e despropósitos que, ademais de permitir este atentado paisaxístico, van repercutir sobre a economía do concello de Lugo e por tanto sobre as veciñas e veciños”. Olalla Rodil referiuse á resolución da Confederación Hidrográfica na que se grava todo o peso deste atentado ecolóxico sobre o concello de Lugo, cando existe unha empresa que foi a executora desta obra.
Audio Noa Presas
DECLARACIÓNS RESPECTO DA HOMENAXE ESTA MAÑÁ A ALEXANDRE BÓVEDA EN OURENSE
Noa Presas, que onte pola mañá participou nunha homenaxe en Ourense a Alexandre Bóveda para celebrar a data do nacemento, en 1903, do político e intelectual nacionalista asasinado polo réxime franquista en 1936, recordou ao Partido Popular -que organizou o acto como goberno no Concello de Ourense- que ademais de recoñecer ás vítimas, debería honrar a súa memoria condenando “sen ambigüidades” o franquismo e facilitando que no Estado español se xulguen aos verdugos.